XXI XORNADAS BLANCO FREIJEIRO

XXI XORNADAS BLANCO FREIJEIRO

O tema escollido para esta edición das Xornadas é o cambio climático, cuestión de actualidade permanente dende hai uns anos, que preocupa aos cidadáns de todo o mundo polas graves consecuencias que está tendo. Isto obriga a unha reflexión sobre os modos de vida contemporáneos e sobre como podemos adaptarnos aos cambios que xa se están producindo, e sobre como podemos frealos.

Pero o cambio climático non é algo novo neste planeta, xa se ten producido moitas veces, a diferencia é que os anteriores foron naturais e o actual é antropoxénico. Así pois, proponse unha mirada en perspectiva histórica, para coñecer eses outros cambios climáticos que se teñen producido, que supuxeron para as sociedades que os viviron e como se adaptaron a eles.

Para tratar sobre todo isto seleccionouse a un grupo de especialistas de distintas disciplinas, da man dos que faremos unha viaxe que comezará hai millóns de anos e rematará no futuro.

O programa é o seguinte:

Luns 21/11/22. Presentación.
20:00 h. Entrega da documentación e confirmación da inscrición.
20:30 h. Presentación e inauguración das Xornadas a cargo da Concelleira de Cultura Beatriz Rodríguez Gómez.

Martes 22/11/22.
“Dori e os arquivos do clima”.
20:00 h. Relator: Antonio Martínez Cortizas. Catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola, Facultade de Bioloxía, Universidade de Santiago de Compostela.
Tratará sobre como se pode coñecer o clima do pasado, e se revisarán distintos cambios que se teñen producido.

Mércores 23/11/22.
“Encadre ambiental e arqueolóxico da explotación romana de sal en Vigo”.
20:00 h. Relatores: Juan C. Castro Carrera e Lourdes López Merino. Arqueólogo, Anta de Moura S.L.; Paleoecóloga, Unidade de Botánica da Facultade de Farmacia, Universidade Complutense de Madrid.
Tras a visión xeral do martes, o mércores e xoves trataranse casos concretos sucedidos en Galicia. O primeiro céntrase nos primeiros séculos da nosa era, momento no que se produciron subidas e baixadas do nivel do mar, temperatura e precipitacións. A produción de sal no Vigo romano permite estudar estes cambios e as consecuencias que tivo para a vida e a actividade económica da época.

Xoves 24/11/22.
“A Pequena Idade de Xeo: desamaños e desastres”.
20:00 h. Relator: Camilo Jesús Fernández Cortizo. Profesor Titular da Área de Historia Moderna do Departamento de Historia, Facultade de Xeografía e Historia, Universidade de Santiago de Compostela.
Este período en Galicia tivo lugar entre os séculos XV e XIX, e se caracterizou fundamentalmente por unha baixada das temperaturas e un incremento das precipitacións. Veremos en detalle estes cambios e a repercusión que tiveron na vida das persoas e na paisaxe, entre outras cuestións.

Venres 25/11/22.
“Meteoroloxía antiga para predicir o clima do futuro”.
20:00 h. Relator: Juan Antonio Añel Cabanelas. Profesor Titular de Física da Terra, Universidade de Vigo, investigador no EPhysLab (Campus de Ourense).
Tratarase sobre os modelos climáticos e as predicións que nos fan para o futuro, pero partindo do clima do pasado, onde se proba a validez dos modos climáticos.

21:30 h. Clausura e entrega de diplomas de asistencia, a cargo da Sra. Alcaldesa María Ramallo Vázquez.

Domingo 27/11/22.
Visita ás salinas de O Seixal e A Lagoa, A Guarda.
As Xornadas rematarán coa habitual saída para visitar lugares relacionados coa temática tratada. Nesta ocasión achegarémonos ao concello de A Guarda, para coñecer as salinas romanas de O Seixal, que son bo exemplo do cambio climático sucedido nesa época, e tamén as prerromanas de A Lagoa.

Datos básicos para os interesados en asistir ás Xornadas:
 Lugar de celebración: Biblioteca Municipal “Vidal Pazos”, Avenida de Ourense 6, 36900 Marín.
 Información e inscrición (gratuíta): xornadas.blanco.freijeiro.marin@gmail.com.

Anterior O aparcadoiro subterráneo do Eguren avanza na súa tramitación

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados