Este ano as Xornadas Blanco Freijeiro chegan á súa15ª edición, e para celebralo a temática escollida nesta ocasión xira en torno ao mar, ao que Marín debe tanto e ao que tan intimamente ligada está a súa historia. “Historias do mar” abordará dende distintas perspectivas temas que teñen no mar o seu denominador común: o comercio marítimo nos tempos de Roma; os naufraxios que dende entón ata o presente son clara mostra do risco da navegación; as devocións mariñeiras na Época Moderna; e a evolución da arquitectura naval dende o século XV ao XVIII. Serán catro conferencias que se sucederán a partires do martes 22 novembro no auditorio da Biblioteca Municipal “Vidal Pazos”. Previamente, o luns 21, levarase a cabo o acto de presentación e inauguración das Xornadas, e o colofón o porá unha visita guiada o domingo 27.
O programa é o seguinte:
Luns 21/11/16.
20:00 h. Entrega de material e confirmación da inscrición.
20:30 h. Presentación e inauguración das Xornadas acargo das Concelleiras de Cultura María José De Pazo Allariz e Beatriz Rodríguez Gómez.
Martes 22/11/16. “O comercio marítimo en Galicia antes, durante e despois de Roma”.
20:00 h. Relator: Adolfo Fernández Fernández. Doutor en Arqueoloxía pola Universidade de Vigo. GEAAT (Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio), Campus do Mar – Universidade de Vigo. Especialista en economía e comercio de época romana e tardoantiga a través da cultura material.
Mércores 23/11/16. “As devocións mariñeiras e outros gustos no espello da onomástica naval, séculos XVIII e XIX”.
20:00 h. Relator: José Manuel Vázquez Lijó. Doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Profesor asociado da área de Historia Moderna da Facultade de Humanidades e Documentación da Universidade de A Coruña e Director do Museo Marea de Porto do Son. As súas principais liñas de investigación percorren o mundo marítimo da Galicia do Antigo Réxime.
Xoves 24/11/16. “Naufraxios na ría de Pontevedra, dende os romanos ao século XIX”.
20:00 h. Relator: Ramón Patiño Gómez. Arqueólogo e historiador. Instituto de Estudios Vigueses. Da a súa longa traxectoria na arqueoloxía galega destaca a súa actividade e investigación en arqueoloxía subacuática.
Venres 25/11/16. “A navegación oceánica, das pequenas naos aos grandes navíos”.
20:00 h. Relator: José María Juan-García Aguado. Doutor enxeñeiro naval pola Universidade Politécnica de Madrid. Catedrático da Área de Construcións Navais da Universidade de A Coruña, Escola Universitaria Politécnica de Enxeñería Naval e Industrial do Campus de Ferrol. O seu campo de investigación é a arquitectura naval en madeira, nas súas vertentes históricas e actual.
21:15 h. Clausura e entrega de diplomas, a cargo da Sra. Alcaldesa María Ramallo Vázquez.
As Xornadas concluirán cunha visita guiada á Casa da Navegación e Museo da carabela Pinta, en Baiona. Para aqueles inscritos interesados nesta visita, o Concello disporá un autobús que sairá da praza de España o domingo 27 ás 09:30 h., con regreso ao mesmo lugar en torno ás 14:30 h.
A inscrición ás Xornadas é gratuíta, e poderá facerse no Museo Municipal Manuel Torres a través do correo electrónico museo.torres@concellodemarin.es ou do teléfono 986 891 186. No acto de clausura entregarase diploma acreditativo de asistencia.