Volven a Briz os obradoiros de envellecemento activo e o Centro Terapéutico

Volven a Briz os obradoiros de envellecemento activo e o Centro Terapéutico

5 setembro 2022

A Finca de Briz volve acoller este ano os Obradoiros de Envellecemento Activo, organizados por Afapo (Asociación de Familiares de Enfermos y otras Demencias de Pontevedra) en colaboración co Concello de Marín na Finca de Briz, onde está tamén en funcionamento o Centro Terapéutico.

A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, e o presidente da entidade social, Jose Manuel Fontenla, pecharon esta semana os detalles de inicio da actividade, da que se poderán beneficiar ata 43 usuarios e usuarias, 22 nos obradoiros e 21 no centro.

Os potenciais usuarios son persoas a partir dos 55 anos de idade que carezan de diagnóstico de enfermidade neurodexenerativa, xa que o obxectivo fundamental deste obradoiro é o de previr a aparición deste tipo de patoloxías, fomentando o envellecemento activo.

Levaranse a cabo traballos grupais con distintas técnicas que fomenten a cohesión entre as persoas, a sociabilidade, a diversión, o coñecemento mutuo e o traballo en equipo. Ademais, realizaranse exercicios cos que traballar a memoria, a linguaxe, a escritura, o cálculo, a atención, a reminiscencia e outras funcións.

Os obradoiros realizaranse dous días á semana, os luns e os mércores, cunha duración dunha hora e media cada sesión.

Ademais, a concelleira de Benestar Social adiantou que a partir deste mes o Goberno local traballará para poder ofrecer un servizo semellante ao dos obradoiros de envellecemento activo na Casa de Cultura de Sexio, “xa que sabemos que hai unha importante demanda”.

Anterior Escolas Deportivas 2022 2023

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados