Varias entidades sociais reciben da man de Humana e o Concello unha doazón de produtos de primeira necesidade

Varias entidades sociais reciben da man de Humana e o Concello unha doazón de produtos de primeira necesidade

Humana Fundación Pueblo para Pueblo e o Concello de Marín, a través da concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, fixeron entrega esta semana de varios lotes con produtos de primeira necesidade para as ONGs Comedor Benéfico de Marín, Cáritas, Cáritas San Tomé, Acción Solidaria Sor Elvira e AMENAC.

En total, supoñen cerca de 1.400 artigos de hixiene persoal, tales como champús, pastas e cepillos de dentes, produtos de hixiene persoal feminina ou papel hixiénico, destinados a familias con dificultades.

A acción enmárcase dentro do Programa de Apoio Local da Fundación, sendo un exemplo de economía social, que é posible levar a cabo grazas á xestión do téxtil recollido no termo municipal da nosa vila durante o 2023.

51.895 quilos de téxtil recuperado o ano pasado, que evitaron a emisión de 316.650 toneladas de CO2 á atmosfera

O ano pasado foron recuperados selectivamente a través dunha rede de 17 colectores ao longo de todo Marín un total de 51.895 quilos de téxtil. A xestión sostible do residuo recollido ten beneficios ambientais e tamén sociais.

Depositando a roupa nestes colectores, “conseguimos darlle unha segunda vida a través da reutilización ou a reciclaxe, elementos clave da economía da economía circular”, asegurou Sanmartín, que engadiu que este tipo de iniciativas “nas que as nosas ONGs saen beneficiadas sempre son benvidas, porque aínda que temos as axudas base que anualmente se lles reparten, a asistencia social sempre precisa de máis e aí estaremos sempre para tratar de cubrir as necesidades que se presenten”.

Pola súa parte, o promotor de Humana Pablo Gallego agradeceu ao pobo de Marín “a súa implicación coa doazón de téxtil” e recalca o importante impacto ambiental e social que ten un xesto que, illado, parece pouca cousa.

E é que por cada quilo de roupa que se recupera e que polo tanto non se traslada a un centro de tratamento de residuos para o seu enterro ou incineración, déixanse de emitir 6,1 quilos de CO2 á atmosfera. Desta forma, coa recollida do 2023 en Marín evitáronse 316.650 toneladas de CO2, equivalentes a 120 coches que circulen 15.000 quilómetros cada un ou ao dióxido de carbono que absorben durante un ano en total 2.362 árbores.

Anterior O Concello avanza no desenvolvemento do Plan de Sostibilidade Turística coa adxudicación do proxecto do Lago Castiñeiras e dunha campaña de promoción

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados