25 novembro 2021
O Salón de Plenos do Concello acolleu esta mañá o acto institucional polo Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, un día duro no que as institucións e a sociedade visibilizan o seu rechazo á violencia machista, un NON contundente e necesario.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, abriu o acto lanzando unha petición: “Non debemos mirar cara a outro lado, debemos unir esforzos e berrar cunha soa voz que as mulleres temos dereito a vivir sen medo como mulleres, a vivir sen violencia, a decidir libremente sobre a nosa sexualidade, a desenvolver plenamente as nosas capacidades , a ser donas das nosas propias vidas, a ser valoradas xustamente polas nosas contribucións á sociedade, porque a violencia contra as mulleres representa unha clara violación dos dereitos humanos”.
A psicóloga da Unidade Terapéutica Municipal de Briz, Patricia Ruibal de Sola, foi a encargada de ler a declaración institucional, para despois iniciar a entrega da XII Edición dos Premios Lazo Violeta, que se entrega ao colectivo de mulleres maiores de 65 anos, con mención especial ás vítimas da violencia de xénero.
De forma simbólica, recolleron o premio os organismos públicos e privados, “que contribúen ao benestar e calidade de vida das persoas maiores no noso municipio”, explicou a directora do CIM.
Por parte da Residencia de Maiores de Marín, recolleu o premio María Dolores Gallego Calvar; polo Centro de Día e Unidade Terapéutica Municipal de Marín (Afapo-afaga), Manuel Fontenla Redondo; polo Centro de Día Saraiva, Teresa Parente Gestido, acompañada das usuarias do centro Luisa Iglesias Sánchez e Ignacia Torres Vidal; pola Asociación de Maiores, Xubilados e Pensionistas de Marín e Comarca – Camiño Vello, Rita Borrel Descamps e, finalmente, déuselle a Josefa Villanueva Villanueva en representación de todas aquelas mulleres anónimas que loitaron nas súas vidas pola igualdade e contra a violencia de xénero. No seu caso, recolleron o premio as súas familiares, Monserrat Ruibal Bermúdez e Josefa Bermúdez Villanueva.
A testemuña real dunha muller de Marín
Para rematar co acto, visionouse un vídeo “co que queremos facer visible unha realidade invisible que, por desgraza, padecen moitas mulleres maiores nas súas relacións de parella. É a testemuña directa dunha vida á que temos o privilexio de acompañar na súa recuperación desde o CIM”, explicou a directora do Centro de Información á Muller.