Datos desalentadores para a seguridade viaria na última campaña de control de alcohol e drogas levada a cabo pola Policía Local de Marín e a Garda Civil, un dispositivo impulsado polos dous corpos de seguridade, amparado nun convenio ao que está adherido o Concello.
Segundo informan desde a Policía Local, foron sete os condutores que deron positivo nalgunha substancia, sendo 6 desas infraccións moi graves e 1 de carácter grave, en menos de dúas horas de control policial (de 03.30 a 05.00 horas), que se situou na entrada de Marín.
De forma pormenorizada, houbo catro individuos que rebasaron os 0,50 de alcohol en sangue, chegando outro aos 0,57 e un terceiro aos 0,60. Ademais, outro infractor deu positivo por consumo de cannabis. Este condutor, de orixe portugués, conducía, ademais, sen carné, dado que nunca foi examinado deste permiso. Por outra banda, outro individuo deu positivo en cocaína e conducía sen puntos. Nestes dous últimos casos, celebraranse mañá os xuízos rápidos.
Os axentes informan tamén de que tres dos infractores que foron identificados pretendían darse á fuga antes de chegar o control, aínda que non o conseguiron.
Violencia de xénero
Noutra orde de cousas, a primeira hora da mañá de onte, domingo 15 de decembro, a Policía Local detivo a un home como presunto autor dun delito de violencia de xénero no ámbito familiar.
O suceso foi notificado por unha chamada ao 112 ás 06.00 horas, na que se requería presenza policial nun domicilio por unha muller que informaba de que fora agredida pola súa parella.
Unha patrulla do corpo de seguridade local desprazouse ata o domicilio e entrevistou á vítima, que presentaba un puñetazo nun pómulo e que foi ameazada con arma branca. O presunto agresor xa non se atopaba na casa, pero foi localizado polos axentes pouco despois na rúa, nas inmediacións do domicilio no que aconteceron os feitos.
O presunto agresor pasará hoxe a disposición xudicial.