Seixo volverá ter mercadillo. Así o anunciou esta mañá a concelleira de Comercio e Turismo, Cristina Acuña, que afirma que coa recuperación do espazo comercial satisfaise unha importante demanda trasladada ao Goberno local pola asociación de comerciantes ACEMAS.
O mercadillo inaugurarase o próximo luns pola mañá e terá neste día a súa celebración semanal. “Era o día da semana que mellor lles viña aos vendedores para poder colocar o posto”, asegurou a concelleira.
En total, colocaranse 17 postos que foron repartido esta mañá no Salón de Plenos entre os vendedores que xa tiñan adxudicado un posto resultado do sorteo que se realizara no 2015, cando o mercadillo se puxo en marcha por vez primeira, aínda que despois quedase paralizada a súa actividade.
A diferencia con respecto a aquel ano será a ubicación. “En vez de montar os postos no Camiño Vello, o mercadillo colocarase na Alameda da Casa de Cultura. Este espazo non puido ser utilizado no 2015 porque existían unhas estruturas de madeira que impedían a distribución dos postos, pero tras a remodelación da Alameda, resolveuse este problema e así podemos ubicar nela o mercadillo”.
A Asociación de Comerciantes Marín Sur incluíu a reactivación do mercadillo na parroquia marinense entre as súas demandas de cara ao Plan de Reactivación Local do Comercio que o Concello está a aplicar para paliar os efectos económicos derivados da crise sanitaria da Covid19.
Ademais, de xeito paralelo, estanse a desenvolver outras campañas de promoción do comercio e da economía locais, co obxectivo de mellorar a súa visibilidade e de incentivar o consumo da veciñanza e dos turistas nos pequenos establecementos, que sufriron de xeito directo as consecuencias do confinamento.
Outra das demandas de Acemas, que ten que ver coa mellora da formación dos comerciantes en cuestións de dixitalización, está incluída no programa Marín en Rede, que contempla a realización, nun futuro, de módulos formativos nestas competencias e con varios niveis dirixidos ao comercio e á hostelaría, dada a necesidade que teñen a día e hoxe os negocios de mellorar a súa presencia e visibilidade no mundo online.