Reunión coa Conselleira de Medio Ambiente.

Reunión coa Conselleira de Medio Ambiente.

 A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licitará por máis de catro millóns de euros dúas actuacións fundamentais para o Concello de Marín e, en xeral, para a Ría de Pontevedra. Trátase da mellora do colector xeral de Marín, e a execución dunha nova impulsión, e a mellora da estación de bombeo de Lameira. Augas de Galicia asumirá integramente o orzamento destas actuacións que permitirán controlar os caudais en tempo chuvioso, mellorará a xestión das augas pluviais e evitar que se produzan vertidos á ría.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, trasladoulle este compromiso á alcaldesa de Marín, María Ramallo, coa que mantivo un encontro de traballo –no que tamén participou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís- para realizar un seguimento das obras realizadas pola Consellería e analizar as liñas de colaboración e actuacións futuras.

Tal e como lle explicou a conselleira, a mellora do colector xeral e a nova impulsión vai contar cun orzamento de 2,85 millóns de euros e a obra consistirá na substitución do colector xeral de Marín cunha lonxitude de case un quilómetro no tramo que discorre de forma paralela á Avenida de Ourense (zona do recinto portuario). Tamén será preciso executar un novo bombeo que substituirá ao actual da Lonxa e que incorpora un depósito de retención de 2.000 m3 de capacidade total útil. Ademais, levarase a cabo unha nova impulsión dende o bombeo ata o colector xeral xa existente, que conduce as augas residuais á EDAR de Praceres.

visitconsell2

En relación coas obras de mellora da estación de bombeo da Lameira, cun orzamento de 1,26 millóns de euros, implicará construír un novo bombeo que contará cun depósito de retención anexo de 800 m3 e estará equipado con tres bombas sumerxibles para augas residuais e que substituirán ao actual bombeo.

Beatriz Mato sinalou que estas novas actuacións integraranse no Plan de saneamento local da Ría de Pontevedra, cuxa redacción está a piques de adxudicarse; así como os investimentos xa realizados no Concello de Marín, pois entre 2012 e 2015 se executaron seis actuacións para mellorar a rede de sumidoiros nos núcleos rurais do concello, o que supuxo un investimento de 2,36 millóns de euros, dos cales a Xunta achegou un 80%.

A conselleira tamén destacou o esforzo que a Xunta segue a facer no saneamento e depuración das augas, pois só para obras hidráulicas o investimento de 2016 ascende a 54 millóns de euros (un 43,6% máis que no ano anterior), dos cales 39 millóns de euros están destinados a novas infraestruturas.

Por último, engadiu que todas estas actuacións son acordes ao contido do novo Plan Hidrolóxico para a Demarcación Galicia-Costa, que conta cun orzamento total de 655 millóns de euros ata o ano 2021, dos cales un 65% (423 M€) corresponden ao Goberno galego.

Anterior Rectificación data convocatoria.

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados