A campaña de voluntariado de mascarillas segue dando os seus froitos. En total, desde que se recibiron as primeiras unidades confeccionadas até hoxe pola mañá, foron repartidas 6.000 mascarillas entre case todos as farmacias da vila marinense, onde estarán dispoñibles para a veciñanza, dando prioridade aos grupos de risco.
Con esta campaña, estase a coordinar toda a voluntariedade mostrada pola cidadanía marinense que se ofreceu para confeccionar estas unidades, co material que lles fai chegar o Concello a domicilio grazas á colaboración de Protección Civil.
Ao longo destas semanas seguiranse repartindo as novas unidades que cheguen ao Concello “e que previamente fosen desinfectadas para poder ser distribuídas con todas as garantías sanitarias e de hixiene”, aseguran fontes municipais.
Extremar as precaucións
O Concello quere lembrar a toda a cidadanía, especialmente ante os novos escenarios de apertura que se vaian dando, que é necesario seguir estritamente todas as medidas hixiénicas de prevención de contaxio do coronavirus.
Lavar as mans frecuentemente segue sendo a medida máis relevante, unida á utilización das mascarillas, as luvas ou as pantallas protectoras. Tamén é importantísimo manter o distanciamento social entre cidadáns á hora de saír á rúa cos nenos e nenas.