A alcaldesa, María Ramallo e a concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, fixeron unha visita aos nenos e nenas desta última quincena e destacaron a importancia de seguir articulando servizos coma este.
Marín, 31 agosto 2023
A alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, visitaron no CEIP Sequelo aos nenos e nenas que pecharon por este ano os campamentos de verán de conciliación.
Este servizo, tal e como destacou a rexedora, “é unha ferramenta boísima e integral. Por unha banda, os máis pequenos da casa desfrutan do verán socializando, facendo actividades e desenvolvendo o seu lado máis creativo. Por outra, as familias poden conciliar nun momento complexo como é o verán, cando o cole está parado e son moitas as horas que hai que repartir ao día entre as esixencias laboral e os coidados”.
Este ano ofertáronse un total de 300 prazas, imitando á oferta do ano pasado, que supuxo duplicar as prazas fronte aos anos anteriores. “Estamos sempre moi pendentes de cales son as demandas das familias neste sentido”, apuntou Sanmartín, que cre que con este servizo “conseguimos cubrir unha parte importante da tempada estival, ofrecendo ademais comodidade e facilidades para recoller aos pequenos e que estes poidan contar cunha ampla gama de actividades”.
Hoxe despedíronse do campamento por todo o alto desfrutando dunha das novas atraccións do centro de Marín: os xogos acuáticos do Paseo Alcalde Blanco. Desde o Concello, lémbrase que neste caso estas instalacións poden funcionar a pesar da prealerta por sequía, xa que se trata dun circuíto pechado que non produce consumo de auga.
Pola súa parte, a alcaldesa desexoulle aos pequenos e pequenas unha “moi feliz volta ao cole”.