As obras de humanización da Rúa do Tombo entran na súa recta final. Segundo informou hoxe o Concello de Marín, os traballos están moi avanzados e apenas queda colocar as novas luminarias e rematar ca pavimentación do viario.
En canto a esta última labor, pretendíase tela finalizada esta semana, pero as condicións meteorolóxicas adversas, marcadas polas intensas chuvias, posporán a finalización da colocación do pavimento ata a próxima semana.
Esta humanización, en pleno centro da vila marinense, afecta a un viario que conecta as rúas Concepción Arenal e a Avenida de Ourense, que contaba cun único sentido de circulación e no que non había beirarrúas continuas, senón apenas un par de pequenos tramos que non servían para dar servizo aos peóns que transitan esta zona.
Agora, con esta actuación, a rúa incorporará unha nova beirarrúa na marxe esquerda, seguindo o sentido da marcha do tráfico rodado, que mellorará a mobilidade.
Importante mellora na rede de saneamento
O Concello priorizou a realización desta obra sobre outras por motivos de saneamento, xa que durante as tarefas de revisión e mantemento da rede municipal foi detectado un mal funcionamento do colector instalado nesta rúa, ao que chegan as augas pluviais e residuais da rúa Pitanxo e de parte de Concepción Areal.
A obra de renovación dos servizos e humanización na Rúa do Tombo estase executando ao abeiro do Plan Concellos 2018-2019 da Deputación de Pontevedra da man da empresa Contrucciones Fechi. O orzamento de licitación foi de 172.248,57 euros, pero a adxudicación pechouse en 120763,47 euros.