Na tarde do martes, ás 18:45 horas, o Concello de Marín recibiu no Salón de Plenos a unha vintena de taekwondistas todos eles triunfadores nos últimos campionatos galegos nos que participou o club marinense. Cunha prodixiosa memoria, o director técnico, Anxo Torres, detallou un por un os triunfos de cada un dos seus pupilos á alcaldesa e ao concelleiro de deportes. Desde os máis pequenos ata os máis veteranos, fóronse arrincando a comentar as súas sensacións e experiencias durante a tempada, unha tempada que terá como colofón este ano coa celebración dun campus de taekwondo desde o 27 de xuño ata o 3 de xullo nas instalacións do Colexio San Narciso.
Para finalizar o acto e previo á foto de grupo, a alcaldesa fixo entrega dun pack de petos de adestramento, material tan necesario no día a día deste exitoso club.