Ramallo mostra o apoio do Concello de Marín á hostalaría nunha reunión con representantes de Hoempo

Ramallo mostra o apoio do Concello de Marín á hostalaría nunha reunión con representantes de Hoempo

02 marzo 2021

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e as concelleiras Marián Sanmartín e Cristina Acuña mantiveron unha reunión con representantes de Hoempo, a asociación de hostalaría que engloba a profesionais do sector de Pontevedra, Poio e Marín, co obxectivo de crear sinerxias de cara ao presente e ao futuro da hostalaría na vila.

Así o explicou a rexedora despois do encontro, no que hostaleiros e Goberno local falaron da situación na que se atopa o sector na vila, xa non só debido ás restricións derivadas da pandemia que están vixentes nestes momentos senón a nivel xeral polo impacto desta situación. “Queremos buscar liñas de colaboración e de cooperación para que o sector saia fortalecido e poida mellorar o seu futuro a curto e medio prazo”, asegurou a alcaldesa.

Xunto cos representantes do sector, as concelleiras e a rexedora estiveron repasando as medidas vixentes e a necesidade de insistir de xeito moi reiterado, tanto desde os locais como a través das inspeccións da Policía Local, no mantemento entre as mesas do 1,5 metros de distancia, do uso da máscara en todo momento e da prohibición de fumar e de estar máis de catro persoas por mesa.

Precisamente, esas son algunhas das medidas que teñen que destacar os locais na cartelaría que lles esixe ter exposta a Xunta de Galicia, uns carteis que no caso de Marín serán elaborados en colaboración con Hoempo, de xeito personalizado para cada establecemento “cos seus datos de aforo máximo, do aforo permitido neste momento, o número de mesas autorizadas e os QR que se esixen para poder consultar a carta de maneira telemática, garantindo a seguridade da clientela”.

Por outra banda, Ramallo adiantou que se fará unha nova remesa actualizada dos adhesivos que se repartiron o pasado verán, que servirán para identificar facilmente as mesas das terrazas que están autorizadas polo Concello, seguindo as medicións realizadas polos técnicos municipais.

Estes adhesivos, que o ano pasado eran de cor azul, pasarán a ser de cor laranxa para poder diferenciarse claramente e serán repartidos por entre os hostaleiros, que recibirán tantos como mesas autorizadas teñan. Nos adhesivos seguirá estando dispoñible o QR que redirixirá a Marín en Rede, a plataforma na que os negocios adheridos teñen a súa propia ficha multimedia na que poden ter dispoñible a súa carta.

Na reunión tamén se fixo un repaso das axudas canalizadas tanto desde o propio Concello como desde a Xunta de Galicia. Por unha banda, as representantes do Goberno local recordaron que os establecementos que estiveron pechados polas restricións poden solicitar a exención do canon da auga e do coeficiente de vertedura desde período a través da sede da Xunta de Galicia.

Asemade, desde o período de confinamento, en Marín está vixente a exención total do imposto de terrazas, que se aplicou durante todo o 2020 e seguirá aplicándose durante o 2021.

Por outra banda, recordouse que mañá a Xunta de Galicia convocou ao sector a un webinar pola mañá para coñecer mellor os detalles do decreto no que se regulan as esixencias que deben cumprir os establecementos que retomen a súa actividade.

Ramallo valorou moi positivamente o encontro e asegura que é unha “moi boa nova” que o sector manteña este poder asociativo, “que seguro redundará nunha mellora da súa situación e nunha boa canalización das súas demandas, especialmente neste momento tan duro que están a vivir”.

Anterior O Concello prepara unha convocatoria segura dos campamentos de verán de conciliación no casco urbano e no rural

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados