Ramallo defende que as entidades locais perciban de xeito directo a porcentaxe que lles corresponde das axudas europeas

Ramallo defende que as entidades locais perciban de xeito directo a porcentaxe que lles corresponde das axudas europeas

10 abril 2021

O Pleno da Corporación celebrado esta semana no Concello de Marín aprobou por unanimidade solicitar a distintas administracións que se cumpran os compromisos coas entidades locais, os concellos, para poder inxectar liquidez de cara a facer fronte ás esixencias da pandemia e poder, deste xeito, manter a prestación de servizos públicos de calidade para a veciñanza.

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, expuxo no Pleno que as entidades locais “fomos as que dimos unha lección de proximidade desde o minuto un da pandemia, incluso sen ter suficiencia financeira”. A rexedora explicou que a pesar dos momentos duros vividos, “a situación económica e social dos próximos anos será moi complicada” e, por contra, os tributos que reciben os concellos teñen unha tendencia decrecente.

Ademais, Ramallo fixo fincapé na importante baixada da capacidade de recadación que tivo o Concello ao aplicar “medidas que consideramos imprescindibles para axudar aos sectores que peor o están a pasar”. En Marín, aplicouse desde o confinamento inicial de marzo unha política de exención de taxas e tributos municipais, como o lixo, o canon da auga ou o imposto de terrazas, “que supuxo unha baixada dos ingresos importante”.

Por outra banda, a alcaldesa fixo referencia á situación da cidadanía. “A emerxencia social en Marín subiu, sube e seguirá subindo polo impacto desta crise” e advirte que ou os concellos reciben aportacións por parte doutras administracións superiores ou “será difícil que poidamos seguir prestando os nosos servizos públicos coa mesma calidade ou mellor”.

Tamén destacou os gastos que se incrementaron de xeito moi notable debido ás medidas sanitarias, como por exemplo as partidas de limpeza nos colexios e noutros edificios municipais. E, ás axudas que se centraron de xeito máis concreto na hostalaría, a alcaldesa considera que deben sumarse agora outras máis para o comercio, os ximnasios, o ocio nocturno, os centros de ocio infantil… En definitiva, “para outras moitas actividades que viron freada a súa acción, así como os autónomos”.

Para a alcaldesa, xa se gañou unha batalla coa posibilidade de gastar os remanentes municipais e agora considera que o seguinte obxectivo é poder recibir “o pedazo da tarta dos Fondos Europeos que nos corresponde de xeito directo, xa que representamos o 15% da administración”.

Ramallo lembra que Marín conta cunha situación financeira saneada, sen apenas débeda e con remanente dispoñible, pero así a todo advirte da complexidade social e económica que quedará no futuro máis próximo polo impacto da crise da covid19. “Levamos asumido moitas competencias que non son directamente nosas e para as que precisamos un apoio maior a nivel económico”.

Agora, darase traslado deste acordo ao Goberno Central, de xeito concreto ao Ministerio de Política Territorial e Función Pública; aos portavoces de Grupos Políticos do Congreso, o Senado e do Parlamento galego, á FEMP e á FEGAMP.

 

 

Anterior O Centro Terapéutico de Briz reabrirá as súas portas o luns con 12 usuarios

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados