O Concello de Marín segue traballando de cara a garantir a seguridade necesaria no acceso ás praias do municipio durante a época estival. Xa hai unhas semanas a alcaldesa, María Ramallo, adiantou que este será un verán “diferente” e que é necesario “reestruturar os nosos servizos” de cara ao avance paulatino de fases que irá experimentando a nosa comunidade.
A alcaldesa adiantou esta mañá que o Concello analizará “en profundidade as vantaxes que nos ofrecerá a adhesión á nova ferramenta de control do aforo anunciada onte pola Xunta de Galicia”, namentres o Goberno local segue traballando intensamente na posta a punto de todos os areais, “que é unha importante inversión que facemos os Concellos” e que tamén inclúe a dotación ás praias de servizos como balizamento, aseos, vestiarios, socorristas…
“O máis importante é que sexamos o máis claros posibles dando información á nosa veciñanza, garantindo que poderán gozar dos nosos espazos naturais máis singulares”, afirma a alcaldesa, que considera tamén imprescindible que haxa unidade de acción en todos os territorios e que os Concellos poidan ter un protocolo de actuación elaborado pola administración competente neste eido, neste caso a Dirección Xeral de Costas, dependente do Goberno do Estado.
“Será importante que poidamos ter ese control de afluencia para a nivel informativo saber como está o aforo das nosas praias”, asegura Ramallo, que tamén considera que será importante analizar caso por caso cada areal “porque cada un ten unhas características concretas”, como un ou varios accesos, se é urbana ou non… “que deberemos ter en conta”.