Ramallo aposta polo Espazo Emprendedor de Innovación Alimentaria de Marín como "o futuro punto de referencia" da gastronomía e do emprendemento

Ramallo aposta polo Espazo Emprendedor de Innovación Alimentaria de Marín como "o futuro punto de referencia" da gastronomía e do emprendemento

11 febreiro 2021

Emprendemento, gastronomía e innovación. Eses son os tres piares sobre os que se sustenta o Espazo Emprendedor de Innovación Alimentaria de Marín, ubicado no Parque Azul de Cantodarea, e que está destinado a ser “un espazo de referencia para empresas e para a cidadanía sobre o presente e o futuro deste sector”, declarou esta mañá a alcaldesa, María Ramallo.

A rexedora realizou ás 12.00 horas unha visita ás instalacións co tenente alcalde, Manuel Santos; o axente de emprego municipal, Alfredo Montero; o presidente de AJE, Jesús Rey; o cociñeiro do Grupo Nove, Iñaki Bretal, e a experta en seguridade alimentaria, Elena González.

El Abuelo Lelo, Aceites La Pizarra e a consultoría especializada de González son os tres proxectos que realizarán a súa andadura empresarial desde o espazo de emprendemento marinense, que comezará a levar a cabo actividades de dinamización, tendo sempre como referencia o mundo gastronómico.

“Sabemos que este espazo ten un gran potencial e queremos que se converta nun lugar no que as empresas poidan desenvolver as súas ideas innovadoras, pero no que tamén trataremos de organizar eventos e formacións que poidan atraer aos promotores da nosa economía local”, declarou Ramallo.

De feito, a Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra xa está a traballar nunha intensa programación de actividades e de divulgación das bondades do espazo, que de momento terán que adaptarse ás medidas sanitarias vixentes, apostando, como se está a realizar de xeito xeral, pola vía telemática.

Ademais dos despachos, a instalación conta cunha ampla área de cociñas, na que nun futuro próximo se poderán organizar cursos e showcookings e cunha sala de reunións, na que se poden levar a cabo encontros entre profesionais do sector, co obxectivo de crear sinerxias e medrar, para seguir traballando na innovación constante do sector gastronómico, unido a Marín, aos nosos produtos de proximidade e á nosa cultura.

Anterior As palmeiras do Paseo Alcalde Blanco serán reubicadas en distintos puntos do municipio

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados