O concelleiro de Deportes, Antonio Traba, e os organizadores da Carreira Pinga Pinga presentaron hoxe no Concello a décima edición desta carreira, unha das máis celebres da vila e que se celebrará na parroquia de San Tomé de Piñeiro o sábado, día 12 de outubro.
Este ano, a madriña da proba será Tamara Echegoyen, campiona olímpica de Londres 2012 e cinco veces campioa do mundo.
Haberá tres grandes categorías: menores, pitufos e chupetes e maiores. Dentro da categoría de menores, correran por grupos os benxamíns (nados entre o 2010 – 2011), os alevíns (2008 – 2009) e os infantís/cadetes (2004 – 2007). Con respecto á segunda categoría, aqueles nados entre o 2012 e o 2014 formarán parte dos pitufos e os que foron nados do 2015 en diante formarán o grupo dos chupetes. Finalmente, no que respecta á categoría de maiores, haberá as seguintes subcategorías:
• Xuvenil, Xunior e Promesa (nados entre 1997 – 2003)
• Senior (1996 e anteriores)
• Veteranos A (de 35 a 44 anos)
• Veteranos B (de 45 a 54 anos)
• Veteranos C (maiores de 54 anos)
Para inscribirse, é necesario entrar na web www.carreirasgalegas.com e para máis información pode consultarse o portal www.correrengalicia.org. Unha parte das inscricións irá destinada á AECC (Asociación Española Contra o Cancro).
Os gañadores das diversas carreiras recibirán un premio, que no caso da categoría absoluta acompáñase dunha gratificación económica, de 200 euros no caso do primeiro posto, 100 no segundo e 50 no terceiro. Ademais, o gañador desta categoría recibirá un trofeo Pinga Pinga, de edición limitada.
Horarios
Os primeiros en correr serán os participantes da categoría absoluta, ás 11.00 horas da mañá. Previamente, haberá unha andaina aberta ao público.
Despois, ás 12.10 horas comezarán os infantís/cadetes, seguidos polos alevíns (12.30) e polos benxamíns (12.40). Ás 12.50 horas correrán os pitufos e ás 13.00 os chupetes.