Os Premios Facendo Historia cumpren unha década visibilizando o labor de colectivos esenciais na vila de Marín
Marín, 13 xuño 2024
O antigo escudo de Oseira situado na zona verde anexa ao Concello serviu como escenario perfecto para a presentación dos X Premios Facendo Historia, enmarcados nas Xornadas- Reencontro coa Historia de Marín, unha iniciativa promovida plolo Club de Opinión Portocelo, co apoio do Concello de Marín, que vai máis aló de rememorar feitos e aconteceres do noso pasado histórico.
Así o explicou o seu promotor, Ángel García Carragal, que, acompañado do tenente alcalde, Manuel Santos, asegurou que con estes premios se fai un “acto de recoñecemento e afecto aos marinenses que veñen facendo historia dentro e fóra da nosa terra, vinculando o nome de Marín á súa existosa traxectoria persoal e profesional no ámbito empresarial, cultural, deportivo, intelectual e mesmo político; así como a aqueles colectivos ou entidades públicas ou privadas que se comprometen e implican en resaltar e facer realidade a importancia cara o exterior do desenvolvemento social e económico do pobo marinense”.
Este ano, os premios recaerán en colectivos e persoas que contribúen á posta en valor de Marín dentro e fóra da súa contorna territorial, a través da organización de eventos de carácter social, cultural, tradicional e solidario, como son os seguintes casos:
● Ateneo Santa Cecilia, pola recuperación e organización do Enterro da Sardiña e a Danza de Espadas de San Miguel, eventos ambos declarados como Festa de Interese Turístico de Galicia. Participou na presentación o seu presidente, Celso Méndez.
● Xunta Local de Marín da Asociación Española Contra o Cancro, pola organización da Carreira Solidaria Montes e Praias. Participou na presentación a presidenta do colectivo, Emilia Rey.
● Cristina Barreiro Pazos e María Rosa (Mara) Fariña Pérez, apaixonadas coordinadoras da Mostra Camelas e Mar, que anualmente celebra no Museo Municipal Manuel Torres a Sociedade Española da Camelia
● Celeste Garrido Meira (mención especial), artista plástica, coordinadora e mantenedora da Mostra Voilá la Femme.
Gala de entrega dos premios
A gala de entrega será o domingo, 7 de xullo, no Salón de Plenos do Concello, cun acto aberto á cidadanía a partir das 12.00 horas. A cada premiado, entregaráselle un diploma acreditativo e unha figuriña do antigo Priorato de Marín, confeccionada por Alén das Olas.
O acto contará tamén coa participación da Banda de Música de Marín, dirixida por Eduardo González, que dará un concerto ao rematar o acto.