13 maio 2022
Hoxe é un día importante para a parroquia de Ardán, que ve resolto un dos grandes problemas que tiña na súa rede de saneamento grazas á clausura da depuradora e coa inauguración do novo colector, no que se leva traballando nos últimos meses e que supuxo unha inversión de cerca de 180.000 euros, con cargo ao remanente de Tesourería municipal.
A alcaldesa, María Ramallo, e o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, acudiron ata o lugar esta mañá, acompañados de representantes veciñais, para comprobar o bo funcionamento desta nova instalación, que supón un antes e un despois para o saneamento de Pastoriza, conectando o seu novo colector con Picotes.
A posta en marcha deste proxecto tivo o seu inicio nunha reunión coa veciñanza, coa que se consensuou clausurar a depuradora que había na zona pola súa ineficacia (confirmada de xeito recurrente por informes técnicos). Nese momento, decidiuse instalar unha nova canalización, coa que poder prestar este servizo con calidade para os veciños e veciñas de Ardán.
A rexedora explicou que “proxectos coma este son fundamentais para o noso rural, que está tan poboado e que debe ter nas mesmas condicións que o casco urbano os servizos esenciais”.
Novas engadiu tamén a necesidade de actuar neste caso, “xa que os veciños e veciñas de Pastoriza trasladábannos esta demanda de xeito recurrente porque a antigua depuradora daba problemas con demasiada frecuencia e iso complica moito a calidade de vida e a habitabilidade”.