19 abril 2021
Achegar a figura do pintor Manuel Torres aos máis pequenos é un dos obxectivos que comparten o Museo Torres e a EEI O Grupo. O centro escolar organizou un proxecto en homenaxe ao artista para divulgar a súa vida e obra aos seus alumnos.
“A linguaxe artística, como outra forma de comunicación, cobra moita importancia nestas idades temperás. A creatividade, a espontaneidade libre de prexuízos e a curiosidade constantes permítenlles aos nenos e nenas ser libres para recrear as obras por primeira vez”, explican desde o centro, que consideraron que contemplar as obras de Torres in situ, no Museo, era a mellor maneira de achegar a súa faceta e vocación autodidácta ao alumnado.
Así, o pasado venres as dependencias museísticas acolleron a visita dos pequenos de segundo ciclo de Educación Infantil, que, guiados pola concelleira Itziar Álvarez, gozaron dunha escolla da obra do pintor marinense “que consideramos adecuada á súa idade e nivel educativo, tendo en conta a complexidade das creacións”.
O obxectivo final, así a todo, é que os propios alumnos recreen as obras de Torres que coñezan de xeito directo no Museo, deixando voar a súa imaxinación. Este traballo levarase a cabo no centro educativo entre finais de abril e maio, para posteriormente ser expostas ao público as creacións dos rapaces.
Desde o Concello, a concelleira Álvarez apunta á “importancia que teñen estas iniciativas, sobre todo cando son promovidas desde os centros, xa que a arte é fundamental nos primeiros anos de vida para que o alumnado traballe a súa creatividade e capacidade artística”.