10 decembro 2020
A colaboración cos centros educativos para fortalecer unha educación en igualdade e conmemorar o Día da Muller, o 8M, é unha das liñas nas que máis énfase pon o Concello de Marín, a través do CIM.
Dentro das actividades que está a organizar no marco deste día a Concellaría de Benestar Social, impúlsase unha que reflicte de maneira simbólica o labor dos centros como axentes socializadores de xénero, “de suma importancia na consecución do principio de igualdade entre mulleres e homes”, aseguran fontes do Concello.
O obxectivo é que o alumnado cre un lema inspirador en positivo sobre a igualdade de xénero. Este lema quedará plasmado de forma permanente nun dos “bancos da igualdade”, que serán doados aos centros educativos e que imitarán a estética do que se creou para a conmemoración do 25N, serigrafiado cunha frase sacada dunha carta dunha vítima de violencia machista de Marín.
O lema será propio de cada centro e representará o constante compromiso que ten a comunidade educativa de Marín coa educación en igualdade. Así, o centro decidirá onde poñer o banco dentro do recinto escolar, para que sexa unha intervención chamativa para o alumnado.
Os centros que queiran participar terán de prazo para enviar as súas propostas ata o venres 19 de febreiro. Para máis información, poden dirixirse ao CIM a través do teléfono 986 891 802 ou no enderezo electrónico: cim.marin@concellodemarin.es.