Oito empresas concorren á licitación para explotar o servizo de axuda a domicilio por case 7 millóns de euros
Servizo Axuda no Fogar

Oito empresas concorren á licitación para explotar o servizo de axuda a domicilio por case 7 millóns de euros

Con este contrato axudarase a cerca de 100 persoas usuarias. O Concello asume un 30% aproximadamente da inversión e sacará o contrato por dous anos, con dúas prórrogas.

Marín, 16 setembro 2024

Atender aos nosos maiores, especialmente cando máis o precisan, apostando por políticas públicas de atención á dependencia é esencial para garantir a calidade de vida e o benestar da veciñanza.

Un dos recursos máis relevantes dos concellos neste sentido é o SAF, o Servizo de Axuda no Fogar, unha prestación básica que xestiona o departamento de Servizos Sociais municipais, que dá atención ás familias con persoas dependentes ao seu cargo coa finalidade de axudalas e de que teñan posibilidade de vivir no seu domicilio mentres sexa posible.

Despois de pasar polo Pleno da Corporación, o contrato abriu a súa licitación, á que se presentaron 8 empresas, tal e como comprobó esta mañá a Mesa de Contratación, que agora terá que avaliar cada unha delas e adxudicar aquela que resulte máis vantaxosa, seguindo as esixencias técnicas e administrativas recollidas nos pregos de contratación.

O contrato, que será por dous anos con outros dous de prórroga, recolle unha previsión anual de 70.500 horas ao ano, das cales a gran maioría destinaranse ás persoas cun grao de dependencia xa recoñecido e unha pequena parte ao que se coñece como o SAF Básico, que se aplica en casos de urxencia nos que a dependencia aínda está sen recoñecer pero é imprescindible contar co recurso.

Na actualidade, Marín conta con 91 persoas usuarias en dependencia (3 con grao 3, 31 con grao 2 e 1 con grao 1) e 5 no SAF básico. O servizo faise por parte de persoal cualificado e préstanse coidados de carácter persoal, psicosocial, educativo, preventivo e doméstico, incluso burocrático e técnico.

As empresas concorreron a un prezo de licitación de 1.648.995 euros, o que supón case 7 millóns de contía total da contratación. Desta cantidade, o Concello asume cerca do 30%, a Xunta case un 50% e o resto cúbrese co pago das persoas usuarias, das que moitas contan con exencións por nivel de renda ou situación de exclusión social.

Anterior O Concello investirá máis de 100.000 euros no alumeado de Nadal

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados