A alcaldesa, María Ramallo, e o edil de Deportes, Antonio Traba, presentaron xunto a representantes do Club Deportivo Pinarium e da Comunidade de Montes de Santomé unha nova edición da carreira, á que están inscritas cerca de 300 persoas.
Marín, 10 outubro 2024
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o edil de Deportes, Antonio Traba, presentaron xunto a representantes do Club Deportivo Pinarium e da Comunidade de Montes de Santomé esta mañá a XIV Carreira Reto Pinga-Pinga, un clásico do noso deporte que encherá a parroquia este sábado, 12 de outubro.
Tal e como explicou Diego González, do Club Pinarium, a novidade deste ano será o traslado da carreira para a mañá, arrancando a Carreira Absoluta ás 11.00 horas e a de Menores a partir das 12.00 horas. A oitava edición da andaina sairá a partir das
10.30 horas.
Polo momento, as inscricións, que se poden formalizar a través do portal web Carreiras Galegas, xa alcanzan a cerca de 300 persoas participantes.
Como é habitual, farase unha homenaxe a un deportista galego olímpico, que nesta edición será o triatleta Iván Raña, un auténtico pioneiro na práctica deste deporte na nosa comunidade e que foi Campión Mundial en Cancún en 2002 e Subcampión Mundial por dúas veces en Nueva Zelanda en 2003 e en Portugal en 2004. Ademais, foi Campión de Europa en 2002 e 2003 e acadou un quinto porto tanto nos Xogos Olímpicos de Sydney como nos de Beijing.