3 xullo 2021
A mellora da rede de saneamento de Marín na contorna do río Lameira avanza na súa tramitación. A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, levou á Comisión Informativa esta semana o convenio de colaboración entre o Concello e Augas de Galicia para a execución deste proxecto, esencial para mellorar a calidade medioambiental da vila.
A entidade autonómica financiou a elaboración do proxecto e tamén será a que costee a súa execución, cunha inversión total de 3.600.000 euros. Pola súa banda, o Concello será a institución encargada de levar a cabo as expropiacións necesarias, cunha inversión cercana aos 80.000 euros.
Agora, o proxecto e o anexo no que se recollen as expropiacións elevaranse de novo ao Pleno para a súa aprobación inicial. “Despois”, explicou Sanmartín, “abrirase un período de exposición pública de 15 días”, para despois poder xa avanzar na aprobación definitiva do proxecto.
Obxectivo da obra
O seu obxectivo será o de mellorar toda a rede de saneamento que se atopa no contorno do río, reducindo os problemas de infiltracións de augas do Lameira, que provocan unha sobrecarga continua.
Ademais, conseguirase que as augas costeiras no entorno da estación depuradora melloren os obxectivos medioambientais que existen para as augas de baño.
Sanmartín considera “vital” a posta en marcha deste convenio, “que demostra que puidemos desatascar unha das grandes obras en saneamento que tiñamos pendente desde hai moitos anos e que axudará a que este servizo funcione ao cen por cen, mellorando a nosa calidade medio ambiental”.