06 marzo 2021
O Pórtico da Gloria é un dos grandes emblemas da cultura galega a nivel internacional e un dos tantos regalos que o peregrino do Camiño de Santiago pode gozar cando chega á capital autonómica e entra na Catedral.
A estrutura ideada polo xenio Mestre Mateo foi e é fonte de inspiración para numerosos artistas, entre os que estivo Lino Martínez Villafinez, marinense de nacemento que tivo en Santiago o seu foco de recreación pictórica máis importante e que retratou en infinidade de ocasións os volumes, os perfís e as figuras pétreas do Pórtico.
Un deses pórticos, pintado no 1973, é o que acaba de ser restaurado por Eva Fontoira por encargo do Concello de Marín. A concelleira, Itziar Álvarez, promotora desta iniciativa de restauración de obras e que tamén impulsou a posta a punto dun dos cadros de Torres, acompañou á restauradora na presentación do resultado final do cadro.
Tal e como explica Fontoira, “o proceso que se levou a cabo consistiu nunha limpeza, porque tiña unha importante capa de sucidade en superficie moi grosa, ao que se sumaba un verniz oxidado pola antigüidade”
O cambio é espectacular. “Gañou en luz, en expresividade, en texturas…”, asegurou a concelleira. E é que agora é posible apreciar a arquitectura do cadro. En palabras de Fontoira, “pódense ver os perfís, os distintos volumes, gana en profundidade e pódese apreciar a pincelada do pintor”.
Villafinez, como dicía o seu amigo Laxeiro, pintaba a pedra como ninguén. “Era un gran mestre de pintar o granito e Laxeiro dicía que coa súa técnica conseguía dar unha sensación de pedra húmida, mollada, algo moi típico noso”.
Ademais da limpeza, levouse a cabo tamén un cambio de bastidor, porque o cadro tiña un fixo, que impedía que a tea acompañase os movementos da obra e producía deformacións no soporte. Púxoselle un móbil de madeira de castaño.
A concelleira agradeceu a Fontoira o seu bo facer na restauración e sinalou a importancia de conservar e recuperar as obras pictóricas que forman parte do patrimonio municipal, especialmente neste caso, nun ano Xacobeo no que Santiago de Compostela, a Catedral e o Pórtico da Gloria, recén restaurado, son enseñas culturais e patrimoniais ao longo de todo o mundo.