O PMUS, o documento reitor da transformación urbana de Marín, avanza na súa tramitación

O PMUS, o documento reitor da transformación urbana de Marín, avanza na súa tramitación

27 xaneiro 2021

O PMUS (Plan de Mobilidade e Accesibilidade Sostible) é un documento que marcará as liñas mestras de como continuar co crecemento da nosa vila, para convertela no Marín que queremos, nun Marín cheo de calidade de vida, cunha ordenación urbana moderna e na que convivan as distintas mobilidades e que sexa sostible ca contorna e co medio ambiente.

Por iso, o Concello encargará a ampliación, actualización e mellora deste plan, que xa se elaborara no 2015, e que forma parte do proxecto de transformación global Marín Dusi, cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.

Despois de aprobar o prego para a contratación da súa elaboración, reuniuse a Mesa de Contratación na que se levou a cabo a proposta de adxudicación. Esta mesa estivo presidida pola alcaldesa, María Ramallo, e contou coa participación de representantes de Intervención, Secretaría e Urbanismo.

En total, a esta licitación presentáronse seis empresas para optar á realización deste plan reitor, cuxa execución será de aproximadamente cinco meses e que supón unha inversión de 45.368,95 euros.

De todas as propostas, declarouse como a máis ventaxosa a presentada por Proyestegal S.L, que cumpría ademais con algúns dos requisitos establecidos para acreditar a solvencia económica, financeira, técnica e profesional que a empresa ten que cumprir para poder optar a este contrato público.

Cuestións como a xestión dos desprazamentos rodados no centro urbano, a reorganización e optimización do espazo adicado a estacionamento, a aposta polo transporte urbano e a redución do uso do vehículo privado cando sexa posible ou a xeración de escenarios de maior competitividade para o comercio e a hostalaría serán as que entren dentro deste plan.

 

 

Anterior Resumo das medidas sanitarias vixentes para frear a pandemia da Covid-19

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados