O PMUS chega ao Pleno de Marín para a súa aprobación inicial

O PMUS chega ao Pleno de Marín para a súa aprobación inicial

19 abril 2022

O Pleno da Corporación, que se celebrará este xoves, levará na súa orde do día a aprobación inicial do Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Marín (PMUS), unha ferramenta de planificación e un instrumento de concienciación para os cidadáns e as administracións, “que nos permite ter claras cales son as prioridades en materia de mellora urbana de Marín”, explicou a alcaldesa, María Ramallo.

O Pleno aprobará este documento inicial, cuxa redacción foi realizada con cargo á Estratexia Marín Dusi, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea, para que despois sexa exposto ao público durante un prazo de 30 días hábiles, a contar desde a súa publicación no taboleiro de anuncios, no portal de transparencia e no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

O Plan susténtase en tres grandes piares, dos que se extraen outros subtemas:

1.- A mellora da mobilidade urbana, apostando pola sostibilidade, co fomento dos desprazamentos a pé e en bicicleta.

2.- A mellora da conexión entre o casco urbano e o medio rural, tan poboado en Marín e cunha vitalidade económica e social moi elevada.

3.- A posta en marcha de proxectos de mellora urbana no centro, que permitan renovar rúas e apostar por un urbanismo máis adaptado ás directrices da mobilidade urbana sostible.

“Temos as ideas, temos a análise e tamén moitos proxectos madurados e estudados”, explica a alcaldesa. “Agora, temos que seguir traballando para acadar
financiación e marcar as prioridades e os prazos, para así seguir configurando un Marín mellor, máis avanzado e moderno”, remata.

O documento inicial, que agora vai ao Pleno, foi presentado á cidadanía nunha xornada de participación organizada no Museo Torres.

Anterior Derrubado o muro na Travesía República Arxentina, que comeza mostrar o seu trazado

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados