O Pleno da Corporación acorda denegar a cesión do contrato da recollida do lixo en favor de Urbaser

O Pleno da Corporación acorda denegar a cesión do contrato da recollida do lixo en favor de Urbaser

O Pleno da Corporación aprobou a denegación da cesión do contrato da recollida do lixo solicitada por Recolte, actual adxudicataria, en favor de Urbaser. A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, explicou durante a sesión plenaria as razóns que levaron ao Goberno local a tomar esta decisión.
Esta situación ten a súa orixe na compra, por parte de Urbaser, dos dereitos de contrato de Recolte a nivel xeral, afectando a todos aqueles concellos nos que a empresa ten adxudicado o servizo de recollida de lixo.
Esta cesión contractual está amparada pola Lei de Contratos de Sector Público, pero esíxense unha serie de requisitos para poder levala a cabo. No que ten que ver cos criterios obxectivos a cesión é correcta, pero non é así no que respecta á valoración subxectiva.
Así se extrae do informe do arquitecto técnico municipal, que é o responsable do contrato, e que trasladou ao Goberno local que existen unha serie de impedimentos á cesión do contrato a Urbaser, que son nos que se sustenta a Concellaría para denegar tal acto.
Para o arquitecto técnico municipal, como responsable do contrato, existen impedimentos á cesión do contrato, xa que “as cualidades técnicas de Recolte foron parte fundamental da razón para a adxudicación do contrato, xa que para a adxudicación se valoraron tanto os criterios automáticos como outros dependentes dun xuízo de valor, sendo a puntuación final a combinación de ambos tipos de criterios”.
“Ademais, dase a circunstancia especial de que no proceso de licitación, a xustificación da baixa temeraria requirida pola mesa de contratación foi admitida tendo en conta, entre outros aspectos, que o seu plan de expansión empresarial na comunidade autónoma de Galicia lle permitía plantexar un procedemento financieiro especialmente favorable, re- ducindo así os custes a atribuír a este contrato. Esta circunstancia, non se pode aplicar directamente a URBASER, pois resulta moi improbable que as estratexias empresariais de ambas entidades sexan idénticas”.
Para o técnico municipal, non é posible probar que a execución do contrato por parte de Urbaser poida cumprir cos mesmos estándares de calidade que Recolte, actual adxudicataria. “Urbaser participara na licitación e ofertara a realización dun servizo de inferior calidade técnica por un prezo superior en máis dun 10%”, versa o informe, indicando que esta empresa quedou de cuarta sobre cinco ofertas no concurso público. Desta maneira, o técnico considera “pouco probable que poida realizar o servizo polo mesmo prezo en idénticas condicións de calidade, mantendo o equilibrio financieiro da concesión”.
Con esta avaliación, o Goberno local decidiu pedirlle a Urbaser un estudo, a entregar nun prazo de 10 días desde que lle foi comunicado, no que xustificase, “con datos reais”, como podería prestar o servizo de recollida de lixo cas mesmas garantías que Recolte e sen sobrepasar o presuposto establecido na concesión.
Fronte a esta petición do Concello, a empresa Urbaser non presentou o estudo e simplemente enviou un escrito no que manifestou a súa intención de “quedar á espera” de que Administración, neste caso o Concello de Marín, lles comunicase a decisión finalmente adoptada.
Dado que o órgano contratante da concesión é o Pleno da Corporación, esta denegación foi debatida onte e aprobada polos membros da Corporación.

Anterior O Concello presenta as Rutas Culturais de Inverno, unha iniciativa para coñecer o patrimonio galego

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados