3 maio 2022
O Museo Municipal Manuel Torres acollerá a partir deste sábado, 7 de maio, a exposición “Pedro Bueno Salto. Retrospectiva”. A mostra inaugurarase ese mesmo día ás 13.00 horas, e poderá visitarse ata o 12 de xuño.
Bueno (A Coruña, 1952) é un referente na pintura galega contemporánea, aínda que tamén adica parte do seu traballo á escultura. Conta cunha ampla e recoñecida traxectoria plástica, na que destaca a súa persoal forma de interpretar a figura humana, cargada de simbolismo.
No 2016 acadou o premio Paleta de Plata, que concede a Asociación de Artistas Plásticos Galegos e a Deputación da Coruña englobouno na súa Colección Grandes Pintores.
Despois de que esta exposición pasase polo Centro Cultural Marcos Valcárcel da Coruña ou o Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, chega agora ao noso museo para poder desfrutar de máis de 50 obras do artista, así coma de tres esculturas que tamén forman parte da exposición.
As paisaxes da provincia da Coruña, pero tamén os espazos portuarios da nosa vila, serven de inspiración a este artista con más de 40 anos de traballo.
Moitos dos críticos de arte afinan a súa análise da obra de Bueno centrándose na súa marcada autoría, froito da técnica pictórica que utiliza e que nos permite recoñecer a súa man cun golpe de vista aos cadros.