A Asociación MASGA e o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, presentaron este evento, que contará cunha fila 0 habilitada para poder facer doazóns coas que apoiar que haxa máis atención e avances para o tratamento desta doenza
Marín, 10 setembro 2024
A enfermidade de Duchenne é a distrofia muscular máis común diagnosticada durante a infancia e estímase que 1 de cada 5.000 nenos e nenas no mundo están afectados por ela. A causa ten que ver coa mutación dun xen que codifica a distrofina, que nestes pacientes se atopa ausente, polo que se provocan danos nas células musculares.
Por terceiro ano consecutivo, para os marinenses esta enfermidade xa non é descoñecida, xa que a Asociación MASGA fai unha importante labor na súa divulgación. Dentro de todo o traballo que fan, está o Torneo Padel X Duchenne, que volverá celebrarse nas pistas do SEI San Narciso o sábado 14 de setembro.
O evento solidario, que foi presentado por representantes da asociación e polo concelleiro de Deportes, Antonio Traba, ten as inscricións abertas a través do teléfono 613042028, cun custo de 18 euros por persoa e con categorías tanto masculina como feminina. As clasificacións serán durante a mañá e as eliminatorias, pola tarde.
Tamén haberá servizo de comida a precios populares a cargo de Rosa de Los Vientos e unha actuación musical ás 13.00 horas por parte de Cubo Metálico.
De cara a aportar para a causa e tratar de recadar os máximos fondos posibles para a investigación sobre esta doenza, a asociación habilitou unha Fila 0 para doazóns, articuladas a través do número de conta de Duchenne Parent Project España, que é o ES24 2100 4832 3222 0030 3924.