24 setembro 2021
O parque infantil do Paseo Alcalde Blanco estrea imaxe coa colocación do novo caucho, en cores verdes e amarelas e con formas circulares, que aporta unha nota de cor e de modernidade a este espazo que está a experimentar unha total transformación.
Tal e como explicou esta mañá o Goberno local, os elementos recreativos do parque son os mesmos, aínda que se lles realizou unha importante posta a punto, reparando as pezas que fose necesarias e aplicando traballos de mantemento xeral.
Ademais, tamén se sumaron un par de elementos extra que veñen a completar a oferta de ocio infantil deste parque, que se atopa nunha contorna privilexiada, o Paseo Alcalde Blanco, que avanza na súa transformación global, un proxecto enmarcado na estratexia Marín Dusi, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.
Con esta actuación, Marín avanza cara a construción dunha vila moderna, que se quere achegar aínda máis ao mar, reformulando este espazo de conexión que supón o Paseo e que antes tiña a súa punta sen rematar e totalmente infrautilizada.
Coa obra de rehumanización, creouse un novo establecemento hosteleiro nesa zona, con cuberta practicable, conseguindo nu novo miradoiro cara ao mar, que se suma ao resto de bancais que se poderán gozar ao remate das obras.