A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o edil de Urbanismo, Manuel Santos, visitaron o novo acceso peonil que se habilitou no Cemiterio de A Raña, o camposanto máis grande de Marín, e que agora conta con esta nova porta de entrada, dando resposta a unha importante demanda da veciñanza.
Con esta obra, que comezou a executarse por parte da empresa Viñas Blancas no mes de xullo, ábrese o exterior norte do cemiterio para evitar que os usuarios teñan que percorrer toda a costa anexa, cunha pendente do 13%, e que ademais non ten beirarrúas e é de dobre sentido.
“Era preciso abrir este novo acceso para así solucionar este problema de mobilidade que tiñamos e tamén para resolver unha cuestión de seguridade viaria importante, que podía xerar situacións de perigo”, asegurou a alcaldesa durante a súa visita.
Por outra banda, tamén se actuou a nivel de harmonización coa paisaxe, xa que se mellorou todo o aspecto do muro lateral, que precisaba dunha renovación estética, dado que se atopaba castigado polo paso do tempo.
Ramallo e Santos fixeron unha valoración moi positiva desta actuación, que supuxo unha inversión de 40.801,07 euros, enmarcada no Plan Concellos. “Trátase dunha obra máis dentro do que é o mantemento deste espazo, tan visitado e con tanta carga emocional e simbólica para a nosa veciñanza”, apuntou a rexedora.
Bando para o Día de Defuntos
Precisamente, se hai unha data na que os cemiterios da vila rexistran un aumento da súa actividade é no Día de Defuntos. Como todos os anos, ante a chegada desta cita, o Concello acaba de publicar un bando con todas as indicacións e obrigas para que os cemiterios teñan unha boa presenza e ornato.
Este bando poderá consultarse na web do Concello, nos paneis de libre expresión e nos propios cemiterios e recolle as seguintes disposicións, nas que se lembra as pautas de comportamento que toda a veciñanza debe cumprir e respectar.
1.- LIMPIEZA E DECORO DAS EDIFICACIÓNS. As/os propietarios dos panteóns, procederán á limpeza dos terreos, sepulturas e nichos e ó pintado dos panteóns que non se atopen nas debidas condicións estéticas e de armonización co resto dos panteóns do entorno, sempre poñendo en coñecemento das actuación a levar a cabo ó persoal encargado do cemiterio.
2.-DISPENSA LICENZA DE OBRAS. Co obxecto de fomentar a limpeza e decoro dos cemiterios municipais, quedarán dispensados da respectiva licenza para este efecto, polo tanto das taxas correspondentes, sempre que estas sexan executadas entre o 1 de outubro e o 1 de novembro.
3.- HORARIO. A visita ó recinto poderá realizarse, respectando as normas establecidas ó efecto, durante o horario de apertura habitual, que os días 31 e 1 verase ampliado de 8.00 a 20.00 horas.
4.- NORMAS DE CONDUCTA. Dentro dos cemiterios municipais as/os usuarios e visitantes deberán manter en todo momento o respecto axeitado ós demais usuarios/as e visitantes así como ás características do recinto.
En todo caso, a celebración do Día de Defuntos será susceptible de ter medidas extraordinarias segundo sexa a situación sanitaria.