A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e a concelleira de Comercio e Turismo, Cristina Acuña, mantiveron unha reunión con representantes dos vendedores ambulantes do Mercadiño de Marín para trazar como será a reapertura total do mesmo, debido ás necesidades de cumprir estritamente con todas as medidas de hixiene e prevención de contaxios enmarcadas no Estado de Alarma.
Neste encontro acordouse, e reafirmouse tras o anuncio da entrada na fase 2 de desescalada da nosa comunidade autónoma, que o xoves da semana próxima o Mercadiño de Marín xa poderá retomar a súa actividade con todos os postos, independentemente do produto que comercialicen.
Para poder garantir a distancia de seguridade entre os postos do Mercadiño, que rozan os cen, decidiuse que os postos ocuparán menos espacio do normal, reducindo os seus metros para así crear corredores seguros polos que poidan transitar os veciños e veciñas que veñan a mercar aos postos.
Será obrigatorio o uso de mascarillas por parte dos vendedores e tamén polos clientes, en base ás indicacións sanitarias vixentes a nivel estatal e cada un dos postos contará con xel hidroalcohólico para a disposición de vendedores e consumidores. Ademais, os donos dos postos deberán levar tamén luvas para maior protección.
Establecerase un control específico por parte da Policía Local, tanto durante a montaxe dos postos para garantir que se cumpren estritamente todas as medidas acordadas durante a reunión desta mañá no Concello, como durante o transcurso do día, para controlar que a afluencia de xente no Mercadillo sexa en todo momento acorde ás medidas de seguridade que se preverán para a fase 2.
Tanto o Concello como os vendedores fan un chamamento á “responsabilidade” de toda a cidadanía, para que se cumpran estritamente todas as cuestións individuais de prevención e hixiene, dado que os propios vendedores serán os primeiros en asumir todas as medidas necesarias de cara a poder ofrecer con garantía esta actividade económica, parada durante dous meses e que agora precisa da súa reactivación segura e con garantías.