O Marín que vén
Marín ten un futuro por diante. Un futuro prometedor, cheo de proxectos cos que desenvolver a vila que queremos entre todos e todas. Co respecto á nosa tradición e ao noso pasado, tamén debemos traballar por un porvir que se alinee cos obxectivos que persegue o mundo actual: crear cidades
- Máis cómodas
- Máis sostibles
- Máis vivibles pola súa veciñanza
- Máis atractiva para o asentamento da poboación e para o desenvolvemento económico
Grazas á estratexia Marín Dusi, conseguimos transformar algúns dos espazos máis emblemáticos e utilizados da vila, como a Avenida de Ourense ou o Paseo Alcalde Blanco.
Un novo carril bici, máis espazo para o paseo e o desfrute, unha composición de xogos de auga que en verán fan as delicias dos máis pequenos, un miradoiro coa espléndida Tambo á fronte… Iso é todo o que gañamos con estas humanizacións.
Agora, a nosa parcela anexa á Praza de España está a experimentar unha das obras de maior envergadura das que se teñen feito en Marín: a construción do Centro Socio Cultural, co que marcar un antes e un despois na programación e dinamización cultural da nosa vila.
Paralelamente, seguimos traballando en incorporar as novas tecnoloxías á mellora da ordenación do espazo urbano, impulsando unha estratexia Smart Citie que nos permita coñecer, a través de datos dixitalizados, cuestións relevantes en tempo real, como o estado do tráfico ou a dispoñibilidade de estacionamento.
Outro dos plans que o Concello xestionará nos próximos anos é o Plan de Sostibilidade Turística, dotado con 2 millóns de euros para investir no desenvolvemento ordenado e sostible da estratexia turística de Marín.
Queremos un turismo verde, ecolóxico, respectuoso coa nosa contorna, que é a nosa verdadeira xoia natural. Queremos que nos visiten pero tamén ser unha vila acolledora e dinamizada para a súa propia veciñanza. E para iso impulsaranse proxectos como a creación dunha Oficina de Turismo modernizada, a mellora do Vial de Praias ou a creación de novos roteiros no Lago Castiñeiras, entre outros.