Haberá unha exposición da traxectoria do club no Museo Municipal Manuel Torres do 4 ao 31 de outubro.
Marín, 28 setembro 2023
A alcaldesa de Marín, María Ramallo e o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, presentaron esta mañá no Concello a exposición que conmemorará o 75 aniversario do Marín Club de Fútbol. Na presentación da mostra estiveron acompañados polo adestrador Javi Martínez, o segundo adestrador Manu Otero, os capitáns Manu Lois e Iago Pastoriza e polo xogador Adrián Filgueira, así como polo vicepresidente do club, Adrián Arias, e Francisco Martínez Sena.
A exposición contará con fotografías dese a mesma entrada do Museo do que foi o fútbol antes de que existiese o club. A partir de aí, farase un repaso polas distintas temporadas, con fotos dos equipos de todas as categorías, destacando a aquelas formacions campioas.
Ademais, haberá un apartado fotográfico de todos os presidentes do club e outro adicado a aqueles xogadores e adestradores que superaron a cifra de 100 partidos nas súas costas.
Tamén poderán observarse trofeos, títulos do club, torneos especiais que se realizaban no verán como Pérez Crespo ou o Ría de Marín… así como o libro escrito por Martínez Sena sobre a historia do club e diferentes equipacións.