03 junio 2021
A danza latina e urbana volve darse cita no Marín Atlantic Open, que se celebrará esta fin de semana no pavillón do San Narciso e que suporá a volta da competición ao mundo da danza na nosa comunidade despois de dous anos de parón por mor das restricións derivadas da crise sanitaria.
O concelleiro Antonio Caíña e o director da academia de baile Pasos, Miguel Abreu, presentaron esta mañá a actividade, que aglutinará competicións nacionais de baile deportivo, nas modalidades de estándar, latinos, caribeños, danza coreográfica e hip hop e as competicións galegas de hip hop e de estándar.
En total, está previsto que participen 50 parellas nas distintas modalidades, 150 bailaríns en hip hop e 100 na danza coreográfica, sempre divididos segundo os horarios da competición, que se repartirá entre o sábado e domingo, a través de bloques para garantir a rotación de competidores e de público.
Tal e como explica Abreu, “é unha participación moito máis baixa que outros anos, pero é o que podemos facer para cumprir cos aforos e dada a baixada de participación de xente de fóra de Galicia”. Aínda así, desde a organización mostran a súa satisfacción por poder realizar a competición e agradeceu ao Concello “a súa implicación para poder levar a cabo este evento, que precisábamos máis ca nunca”.
Todos os horarios e a información relativa á competición pode verse na web: http://bailegalicia.net/index.php/marin2021/