O Lago de Castiñeiras, máis cerca de converterse en ENIL

O Lago de Castiñeiras, máis cerca de converterse en ENIL

O Lago Castiñeiras é unha das xoias naturais do Concello de Marín, por iso o Goberno municipal decidiu xunto coas Comunidades de Montes de San Tomé de Piñeiro e de San Xulián, propietarias dos terreos, solicitar á Xunta de Galicia a declaración do espazo do Parque de Cotorredondo que pertence á vila marinense como ENIL (Espazo Natural de Interese Local).

Estes trámites, que comezaron o pasado mes de maio, están agora máis cerca de rematarse. A Consellería de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, vén de remitir ao Concello un requerimento para corrixir unha serie de pequenos erros, coa fin de darlle luz verde a esta figura de protección.

“Estamos moi contentos”, asegurou a concelleira de Medio Ambiente de Marín, Marián Sanmartín, que asegurou que se traballará para subsanar o indicado pola Xunta “nun prazo dun mes”. Gaspar Bernárdez, que foi o enxeñeiro encargado de redactar a memoria técnica descritiva, afirma que “polo momento, non nos fixeron ningunha corrección sobre este documento, o que nos fai pensar que a Xunta considera, igual ca nós, que os valores naturais e patrimoniais de Castiñeiras son máis que suficientes para declaralo como espazo natural de interese local”.

Nesta memoria, o enxeñeiro detallou a área exacta para a que se solicita o ENIL, que abrangue aproximadamente 40 hectáreas, dentro das que existen especies tanto de flora como de fauna, así como elementos arqueolóxicos, de alto interese medioambiental, “como o bosque de ribeira, os humidais, os anfibios, os morcegos ou a Mámoa de Pedralonga, catalogada como BIC -Ben de Interese Cultura- desde 2011”.

Un dos obxectivos que se pretende acadar ca declaración do ENIL, segundo concretou o enxeñeiro, é poder substituír paulatinamente as masas forestais mixtas de pino e eucalipto por bosques de frondosas e autóctonas.
Pero, a maiores, existe unha motivación principal pola que os comuneiros e o Concello de Marín quixeron impulsar a figura de protección, que é “blindar o mantemento de Castiñeiras a longo prazo, independentemente de quen goberne”, en palabras de Sanmartín.
“Este espazo”, explicou a edil, “é unha instalación privada de uso público, polo que as comunidades de montes nin deben nin poden facerse cargo dela. O normal é que se encargue unha administración”.

Coa aplicación do ENIL, ábrese a porta a solicitar axudas e subvencións públicas cas que poder levar a cabo todos os traballos de mantemento que require un espazo da extensión e das características do Parque de Cotorredondo.
“Todos os grupos, e así quedou reflexado no Pleno, estamos de acordo en impulsar o Lago de Castiñeiras e con isto poderemos facelo”, insiste a concelleira. Na mesma liña expresouse o presidente da Comunidade de Montes de San Xulián, Manuel Estévez, quen afirmou que a figura do ENIL é “necesaria e fundamental” para conservar esta contorna única, máis alá das actuacións de mellora que leva aplicado o Concello nos últimos tempos, como o peche da fisura no vaso hidráulico do lago ou a instalación dos asadores, ademais da futura construción dos parques infantís, cuxa licitación acaba de rematar.

Cesión dos terreos e Plan de Conservación
O paso previo para impulsar o expediente de solicitude do ENIL foi a cesión ao Concello de Marín, por parte das Comunidades de Montes, dos terreos que eran da súa propiedade. Esta cesión faise por 30 anos, “que é o máximo que permite a lexislación actualmente vixente”, indicou Gaspar Bernárdez.
Unha vez se confirme que o Lago de Castiñeiras é un ENIL, o seguinte trámite será a elaboración dun Plan de Conservación, para o que a administración local ten dous anos de prazo e que tamén terá que ser validado pola Xunta de Galicia.

Anterior A cuarta fase das obras do colector da Avenida de Ourense, executada nun 75%

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados