O peche da fisura e a limpeza dos fondos levada a cabo pola Concellería de Medio Ambiente na vaso hidráulico do Lago de Castiñeiras garante que este punto sexa efectivo como lugar de recollida de auga en caso de emerxencias e incendios, tal e como aconteceu nas últimas semanas.
A problemática que existía antes da intervención levada a cabo polo Concello de Marín comportaba unha falta de caudal no lago que poñía en perigo a atención aos incendios, dado que o helicóptero de emerxencias podía chegar a ter problemas para recoller auga, tendo que desprazarse a outros puntos máis lonxe.
As comunidades de montes, propietarias dos terreos, móstranse moi satisfeitas pola recuperación dunha das xoias do Parque de Cotorredondo e inciden na importancia que ten que o lago estea dispoñible para frear situacións de emerxencia que se poidan producir na contorna.
O Concello, a través da súa Área de Medio Ambiente, ten como prioridade a conservación e posta en valor deste enclave, no que xa levaron a cabo diversas actuacións de mellora, como a renovación da barandilla, a substitución dos vellos carteis por sinalizacións novas e a construción dos asadores, que converteron a Marín no primeiro municipio galego no que poder practicar esta actividade ao aire libre durante os meses do verán.
Dous novos parques infantís
O seguinte proxecto que ten entre mans o Concello no parque é a construción de dúas áreas recreativas infantís. Nesta actuación contará coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo, que aportará 75.000 euros. Así o anunciou a semana pasada o conselleiro Román Rodríguez, que asinou no Consistorio o convenio coa alcaldesa, María Ramallo.
O próximo día 23 rematará o prazo de presentación de ofertas e despois comezará o proceso de adxudicación dos traballos.