O Goberno local defende a protección do patrimonio, pero “non podemos votar si a unha subvención da que non coñecemos os requisitos nin as esixencias”

O Goberno local defende a protección do patrimonio, pero “non podemos votar si a unha subvención da que non coñecemos os requisitos nin as esixencias”

Manuel Santos explicou durante a sesión plenaria que o voto en contra do Goberno local á moción do BNG ten que ver con que “piden que fagamos unha serie de actuacións no patrimonio de Marín en base a unha subvención da que non coñecemos os principais puntos e que seguramente non cubra máis de 20.000 euros de axuda, cando as iniciativas que piden superan, no menor dos casos, os 50.000”

Marín, 11 xaneiro 2024

O concelleiro e tenente alcalde Manuel Santos explicou esta tarde durante a sesión plenaria por que o Goberno local decidiu votar que non á moción do BNG para executar actuacións destinadas a eliminar o impacto paisaxístico de edificios e dependencias públicas municipais.

“O BNG plantexa dúas actuacións: a limpeza exterior da Torre do Reloxo da Igrexa Vella e a rehabilitación do lavadoiro dos Bravos e da fonte de Coirados e suxiren que o fagamos cunha subvención da Xunta de Galicia, que previsiblemente sairá ao longo do 2024”, expuxo Santos.

“Sen embargo, aquí existen dous problemas. Por unha banda, as bases da subvención aínda non saíron, polo que non sabemos que requisitos e condicións temos que cumplir para concorrer a ela. Non sabemos se temos que ter proxectos previos xa feitos previamente das actuacións que nos gustaría subvencionar,

canto tería que ser a porcentaxe de aportación municipal, cales son os prazos de xustificación… Sen saber todas estas cuestións, non podemos apoiar a moción do BNG”, explica o tenente alcalde.

“A segunda cuestión ten que ver coa financiación”, continúa. “Tal e como se pode ler na propia moción e na páxina web da Xunta de Galicia, de concedernos esta subvención, só nos darían 20.000 euros, e moito nos tememos que esa contía non é abondo. E sabémolo porque xa temos moitos deberes adiantados. Cando se actuou na Igrexa Vella recentemente, quixemos realizar esta mellora da Torre e solicitamos un orzamento, que vai entre os 40.000 e os 50.000 euros”.

Santos explicou que se seguirá buscando financiamiento para levar adiante este tipo de actuacións, “que xa estaban nos nosos planteamentos, pero non podemos votar que si a solicitar unha subvención da que non temos máis información que a súa existencia”. E aproveita para recordar todas as accións de mellora e rehabilitación de lavadoiros e fontes que se levan feito nos últimos dez anos, como o Lavadoiro de Mogor, o do Río de Casás, da Roza e o do Picho, no Igrexario de Ardán.

Anterior O Concello busca rachar coa fenda dixital e publicará video tutoriais dos principais trámites que se poden facer na sede electrónica

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados