O futuro do Vial de Praias: un proxecto de renovación para conectar a senda peonil-ciclista e cunha mellora total da accesibilidade

O futuro do Vial de Praias: un proxecto de renovación para conectar a senda peonil-ciclista e cunha mellora total da accesibilidade

9 outubro 2021

As praias de Marín son unha xoia natural que desfruta toda a veciñanza de Marín, ademais de ser o maior reclamo turístico do noso municipio. Coidalas, vertebralas e traballar pola súa conservación é un dos obxectivos principais do Goberno local.

Por iso, o Concello está a traballar na elaboración dun proxecto de mellora do Vial de Praias, “porque queremos crear unha senda mellor, na que conviva de verdade e con seguridade a xente que pasea, a xente que vai en bicicleta e o tráfico. Queremos poñer en valor todo o noso litorial, un espectáculo natural que desfrutaremos aínda máis se podemos sacar adiante este proxecto”, tal e como explicou a alcaldesa, María Ramallo.

Este proxecto formaría parte do Plan de Turismo Sostible de Marín, que presentou o Concello aos fondos dos Plans Turísticos de Sostibilidade en Destino (PSTD), financiados a través dos fondos europeos Next Generation EU.

Os obxectivos deste proxecto serán a mellora integral do itinerario peonil-ciclista, dotándoo de seguridade, conectándoo coa rede ciclable que se vén de facer no casco urbano de Marín na Avenida de Ourense e mellorando, en xeral, todas as

barreiras de accesibilidade que hai nos accesos ás praias ao longo do trazado do vial. A actuación completaríase coa colocación de aparcadoiros para as bicicletas.

Para que o carril bici sexa seguro, no proxecto plantexarase que teña unha anchura abondo e con dobre sentido de circulación, cunha pavimentación resistente e antideslizante. Por outra banda, mellorarase a iluminación naqueles puntos nos que aínda non haxa iluminación LED, a pesar de que gran parte do viario xa foi renovado neste sentido.

O orzamento global que o Concello calcula que pode investirse no proxecto é de máis de 1.800.000 euros, que dividirse en dúas fases, unha inicial ata Mogor, “que probablemente é a que poderíamos executar no caso de acadar os fondos do Plan Turístico”, e unha segunda até Aguete, para a que se seguirá buscando financiación.

Desde o Concello, a alcaldesa recalca que, namentres se resolve a candidadura do plan, “seguiremos traballando nos estudos previos para poder afinar este proxecto, que queremos que sexa unha realidade nun futuro e poidamos facer do turismo de Marín un referente de calidade, sostibilidade e mobilidade”.

Anterior Marín segue batendo récords nas cifras de reciclaxe

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados