Un proxecto de formación inclusivo e con perspectivas de inserción laboral pioneiro en Galicia e nunha contorna única como é o Lago Castiñeiras. Así é o FP Dual impulsado pola Fundación Juan XXIII nas antigos terreos do Centro de Recuperación de Aves, un exemplo de inclusión social e laboral centrado na xardinería do que actualmente se benefician 10 alumnos.
A alcaldesa, María Ramallo, e os concelleiros Marián Sanmartín e Manuel Santos, visitaron hoxe as instalacións, acompañados por Diego Chapela, director da Fundación Juan XXIII e do presidente da Comunidade de Montes de San Xulián, Manuel Estévez, propietarios dos terreos que aceptaron “encantados” a súa cesión “para un proxecto que consideramos fundamental”, asegurou Estévez.
Esta formación ten carácter dual porque se combinan as aulas teóricas co traballo práctico de campo, seguindo un modelo docente “que no noso país só existe en Mallorca”, afirmou Chapela, que foi de onde sacaron a idea, “dado que alí xa levan 4 anos mostrando o éxito do mesmo”.
A necesidade de crear unha modalidade formativa adaptada coma esta ten que ver “coa forma de aprendizaxe que teñen as persoas con discapacidade, que se basea na repetición e no ‘aprender facendo”. Por iso, para os usuarios da Fundación para sacar adiante un curso “non é abondo con 250 horas”. De aí que este FP teña unha duración de tres anos.
A alcaldesa, María Ramallo, quixo remarcar o esforzo e a ilusión que a Fundación Juan XXIII leva investido neste proxecto, “que supón unha auténtica oportunidade para estes alumnos, que actualmente precisan profesionalizar a súa labor, que moitos xa fan impecablemente”. Ademais, a rexedora considera que é “moi importante aproveitar espazos coma este do Lago Castiñeiras para impulsar proxectos de inserción social”.
Cando os dez alumnos desta primeira promoción rematen o FP Dual conseguirán o seu certificado de profesionalidade co que poderán acreditar os seus coñecementos no mundo da xardinería, pero non só iso.
“Nós queremos bos xardineiros, pero sobre todo boas persoas que saiban de xardinería e iso hai que traballalo”, asegura Chapela, que explica que se inclúen titorías de habilidade sociais, “coas que garantimos que cando vaian traballar para unha empresa podian manter o seu posto de traballo”.