30 xaneiro 2021
O Entroido deste ano será audiovisual, pero será. Esa é a máxima que o Concello está a traballar este ano, un ano “no que temos que renunciar ao noso xeito de vivir o Entroido, por iso toca reinventarse e tratar de manter vivo o seu espírito desde a casa”, afirma o Goberno local.
Por iso, o Concello está a preparar unhas pezas audiovisuais sobre o Entroido marinense “no que quiximos que participasen todas as asociacións da vila que manteñen viva esta tradición na vila”, explicou a concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez.
Despois dunha primeira reunión con representantes das comparsas Os da Caña e Paparrulos, da Asociación Amigos dos Rapaces e do Ateneo Santa Cecilia, a edil mantivo outra xuntanza esta semana con representantes das asociacións Pousos da Area e Ronsel, para ultimar os detalles da creación destes vídeos.
Pousos da Area realiza desde hai varios anos a festa do Bolo do Pote, integrada no calendario de Entroido, e que recupera un produto gastronómico típico doutros tempos e que se servía xunto a un caldo de cocido no que se fai o propio bolo.
No que respecta á asociación Ronsel, foron os que incentivaron a recuperación do Entroido de Seixo e da súa figura emblemática, a burra Chirica.