O Concello visita o barrio de Cantodarea coa Asociación Veciñal A Fonte

O Concello visita o barrio de Cantodarea coa Asociación Veciñal A Fonte

26 agosto 2021

Os concelleiros de Urbanismo, Manuel Santos, e de Medio Ambiente e Benestar Social, Marián Sanmartín, visitaron esta mañá o barrio de Cantodarea coas veciñas da Asociación A Fonte, co obxectivo de atender in situ as súas demandas e establecer colaboración para poder actuar naquelas zonas que máis o precisan.

Entre outras cousas, os edís revisaron cuestións relacionadas coa eficiencia enerxética e de posibles proxectos a plantexar nun futuro próximo, como a pavimentación e a renovación dos servizos na Rúa Cruceiros.

Outra cuestión que se tratou ten que ver coas propiedades inmobles que están en estado ruinoso, un asunto complexo desde o punto de vista da Administración dado que se trata de propiedades privadas, pero no que o Concello ten os esforzos postos, revisando e xestionando os expedientes abertos no caso de que haxa infraccións.

Esta reunión coa asociación A Fonte vén a complementar os encontros do Goberno local coa veciñanza da zona, despois de reunirse ao inicio do verán coa Asociación de Veciños San Xosé de Cantodarea, que tamén trasladou as súas demandas ao Concello coa finalidade de mellorar o barrio e poder deseñar actuacións axeitadas para a súa posta en valor.

Un proxecto para embelecer e recuperar a alma do barrio

Ademais, o Concello colaborará coa asociación para levar a cabo unha iniciativa que terá varios beneficios: a nivel urbanístico e de entorno urbano, a nivel social e a nivel histórico e cultural. O proxecto ten por obxectivo recuperar fotos antigas do barrio e colocalas nas súas localizacións en formato paneis, para poder loitar contra o feismo das propiedades que están en estados semi ruinosos, como é o caso, por exemplo, de A Laxe da Danza, unha casa histórica do barrio da que recuperaron unha foto de 1900, cando este fogar tiña actividade.

 

Desde a asociación aseguran que hai interese por parte do resto da veciñanza no proxecto e desde o Concello “seguiremos traballando para mellorar este barrio, que é histórico da nosa vila”, indicaron os edís.

 

A reforma integral de Pedreiras, en tramitación

Por outra parte, o Concello está a tramitar a adxudicación da reforma integral da zona de Pedreiras, rehumanizando diversas rúas e renovando todos os servizos nas rúas de Pedreiras de Arriba, Pedreiras de Abaixo, Pedreiras do Medio e Camiños da Fonte de Pedreiras.

Esta actuación, que abranguerá cerca de 3.000 metros cadrados, farase en catro fases cunha inversión cercana aos 850.000 euros. Suporá a sustitución de todo o pavimentación e a renovación dos servizos da vía.

Anterior O Concello e Musimarín, man a man para ampliar as instalacións da asociación no CEIP da Laxe

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados