O 25N, a pesar das circunstancias sanitarias que impiden a realización de grandes actos sociais, estará presente durante todos estes días na vila a través de distintas actividades e iniciativas.
As traballadoras do CIM comezaron a facer o reparto do material didáctico nos centros educativos para que traballen co alumnado durante estes días en torno á violencia machista.
Ademais, a concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, asegurou que o banco que se vai ubicar en Briz pintado de cor morado e cunha frase redactada por unha vítima da violencia machista de Marín “supuxo un éxito e unha gran iniciativa para a visibilidade”.
De tal xeito, o Concello baralla crear máis bancos do mesmo estilo, para así crear espazos de igualdade.
Ademais, tal e como adiantaron o Concello e o CIM, cada banco poderá ter frases distintas, de tal xeito que se anime tamén ás vítimas a dar ese paso liberador que dou a autora da frase do banco actual, sacada dun texto máis amplo, “Carta aberta á liberdade”, que está a ser traballado nas aulas co alumando de Secundaria.
Esta mañá tamén se pendurou da fachada do Concello unha pancarta na que se pode ler o lema “Marín contra a violencia de xénero”.