06 marzo 2021
O concelleiro de Deportes, Antonio Traba, anunciou que o seu departamento está a traballar na organización, da man dos clubs deportivos da vila, dunha oferta de deportes que non tiveron actividade durante este tempo a nivel local por mor da pandemia, como o tenis, o bádminton, o tenis de mesa, a patinaxe…
A oferta estaría dirixida a nenos e nenas de entre 4 a 12 anos para que poidan practicar estas disciplinas, das que se está definindo a lista completa, e estase barallando que sexa cunha frecuencia de dúas horas á semana en distintas instalacións municipais.
“O obxectivo”, asegurou o concelleiro, “é poder ter toda esta oferta organizada de cara a finais de mes”. Traba tamén adiantou que se está a deseñar un campamento multideporte, en horario de mañá, para os días de Semana Santa.
Sobre esta última iniciativa irase dando máis información ao longo da próxima semana, cando se rematen de decidir todos os aspectos e, por suposto, de garantir na súa organización o cumprimento de todas as medidas de prevención e seguridade derivadas da pandemia pola Covid-19.
Por outra banda, os demais deportes (fútbol sala, baloncesto, ximnasia rítmica, boxeo…) xa están adestrando e competindo con total normalidade desde o mes de setembro, baixo as normas de uso das instalacións que o Concello elaborou para garantir o cumprimento dos protocolos sanitarios aprobados pola Xunta.
Ademais, recentemente, coa flexibilización das medidas e a activación das categorías locais e provinciais de base por parte das federacións, estanse a configurar os horarios nas instalacións do Concello para así poder ir reactivando todos os deportes que, pola situación da pandemia, desde marzo estaban suspendidos.
Piscina municipal
Outra das cuestións que quixo aclarar o Concello ten que ver coa piscina municipal, que aínda non reabriu as súas portas. Tal e como explican fontes do Goberno local, estase a xestionar a concesión coa empresa para poder articular a reapertura da instalación dadas as circunstancias, xa que, polo momento, os criterios establecidos polas medidas de seguridade fan imposible a rendibilidade do servizo.