O Concello traballa a súa estratexia de mellora medioambiental para reducir as emisións no municipio

O Concello traballa a súa estratexia de mellora medioambiental para reducir as emisións no municipio

As consecuencias do cambio climático, a pesar de ser unha cuestión global, deben ser abordadas desde o ámbito local, traballando para que as nosas vilas sexan menos vulnerables fronte a esta situación e tomando medidas específicas para frear emisións e mellorar a sostibilidade medioambiental.

Así o entende o Concello de Marín, que desde o 12 de setembro de 2019 está adherido ao Pacto de Alcaldías polo Clima, unha iniciativa xurdida da Comisión Europea que xa é mundial e que conta coa participación de máis de 10.000 concellos de 60 países diferentes.

O obxectivo deste plan é conseguir reducir nun 40% as emisións que se xeran na nosa localidade, así como adoptar medidas que redunden nunha mellora do medio ambiente na vila, preparándoa para afrontar do mellor xeito os cambios climáticos que se presentarán no futuro e garantindo unha eficiencia enerxética no seu día a día.

Dentro deste pacto, o Concello ten que elaborar un documento estratéxico que sirva de guía para coñecer a situación actual do municipio a nivel medioambiental e tomar, deste xeito, as mellores decisións. Este documento é o PACES (Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible), que está a ser desenvolvido no Concello pola empresa Inova Labs.

Co fin de coñecer os avances que se veñen dado na súa elaboración, representantes desta empresa expuxeron esta mañá no Salón de Plenos do Concello as súas primeiras impresións a representantes da Corporación e Técnicos municipais.

Estudando os datos relativos a Marín, a empresa destaca que os sectores que maior consumo enerxético xeran na nosa contorna son os edificios residenciais e o transporte privado, ademais do tecido industrial.

 

Accións de mitigación para progresar na loita contra o cambio climático

A foto fixa desde 2014 do noso municipio indica, así a todo, que moitas das medidas que se teñen posto en marcha durante os últimos anos xa comezan a mostrar resultados, cunha redución dos consumos.

Isto sobre todo aplícase no que respecta ao alumeado público, que paulatinamente está a ser substituído por un tipo de iluminación LED eficiente. E, de cara ao futuro, este efecto estenderase tamén ao impacto que terán os proxectos incluídos na EDUSI Marín 2020, a estratexia de mobilidade urbana sostible do Concello de Marín, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea e que, precisamente, procura unha xestión e unha utilización máis sostible do espazo urbano.

Na redacción definitiva do PACES, incluiranse outras accións a desenvolver de aquí en diante, dirixidas á mellora enerxética nas instalacións municipais e no transporte (tanto privado como público), ao impulso de campañas de divulgación á cidadanía sobre as axudas existentes para realizar obras de eficiencia enerxética nos seus domicilios e ao mantemento de sistemas de xestión de residuos, como a compostaxe, recentemente implantada en Marín.

Participación cidadá

Co obxectivo de abrir este documento á cidadanía e dada a imposibilidade de realizar nestes momentos reunións veciñais pola situación sanitaria, o Concello habilita o email medio.ambiente@concellodemarin.es para que quen o desexe poida realizar aportacións relativas a este tema.

“Esta actuación conta cunha cofinanciación do 80% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea”

Anterior MEDIO AMBIENTE E O CONCELLO DE MARÍN AVANZAN NAS LIÑAS DE COLABORACIÓN PARA A FUTURA CONSTRUCIÓN DO NOVO AUDITORIO MUNICIPAL

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados