O noso patrimonio e a súa conservación son esenciais para preservar a historia de Marín. Por iso, o Goberno local traballa de xeito continuado na procura de financiamento para levar adiante traballos de mantemento e restauración dalgunhas das pezas patrimoniais máis relevantes da vila.
Unha delas é a Torre do Reloxo do Templo Vello, construida en 1925 e de titularidade municipal, que agora será obxecto dun proxecto de mellora, “para o que xa levamos desde 2022 buscando financiación”, explicou a alcaldesa, María Ramallo.
Despois de actualizar o proxecto aos prezos actuais, o orzamento global ascende a 27.399,25 €, que se investirán con cargo a unha subvención da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
A alcaldesa recordou que no último Pleno votouse en contra dunha moción na que se instaba a utilizar unha liña de subvencións da Xunta para este fin. “Pero daquela non saíran as bases e por iso votamos en contra. Ao final, esas axudas serán para concellos de menos de 20.000 habitantes, por iso non tiña sentido votar a favor”.
A actuación que se levará a cabo consistirá nas obras de limpeza, restauración e consolidación dos muros e a zona superior da Torre do Reloxo; a substitución da carpintería exterior e das ventás e cambio da porta de acceso á torre, así como a eliminación das filtracións de auga e o sellado.