Mellorar o espazo urbano, facéndoo máis cómodo para o tránsito peonil é un dos eixos fundamentais de xestión para o Goberno local, que traballa día a día para sacar adiante os proxectos esenciais para conseguir este obxectivo.
Un deles é a humanización e reordenación de Augusto Miranda e Serafín Tubío, un punto estratéxico do centro de Marín que engloba o Mercado Municipal e as rúas Serafín Tubío, Secundino Lorenzo e a Avenida Exército e Marina, ocupando unha superficie total sobre a que se actuará de máis de 3.350 metros cadrados.
Na actualidade, toda esta zona, que ten un gran potencial, presenta diversos problemas, como a existencia de moito estacionamento de vehículos, que ocupan parte do espazo público que se quere gañar para a cidadanía, xa que se trata dun entorno comercial moi transitado.
Polo tanto, tal e como se pode ler na memoria do proxecto, a humanización prevista “mellorará o carácter de mobilidade actual e servirá de escenario natural da vida colectiva de Marín, conseguindo un núcleo máis seguro e acolledor”. Isto conseguirase creando unha gran zona de plataforma única con preferencia peonil e tráfico de vehículos restrinxido a residentes, servizos e emerxencias.
No que respecta á renovación de servizos, actuarase sobre a iluminación pública, renovando os puntos de luz, na iluminación ambiental da fachada da Praza de Abastos e da escultura de Gago de Mendoza. Tamén se prevé habilitar unha nova rede de drenaxe superficial, soterrar a rede eléctrica e de telecomunicacións e instalar novo mobiliario urbano.
A redacción deste proxecto fíxose ao abeiro dunha subvención da Deputación de Pontevedra para este fin nos concellos adheridos á Rede Ágora, da que Marín forma parte desde o 2020. Agora, o Concello seguirá traballando para procurar financiación para a execución do proxecto, que ten un orzamento de licitación de 697.889,51 euros.