21 outubro 2019
O Concello proxecta un centro de ocio xuvenil multidisciplinar orientado ás novas tecnoloxías para o local do antigo Liceo Casino. Esta infraestrutura, adquirida recentemente polo Goberno local, situada xunto á Finca de Briz, quere ser aproveitada como un lugar de encontro social e formativo para una franxa de idade “que necesita cubrir desas carencias na vila”, comenta a alcaldesa, María Ramallo, en referencia á mocidade de entre 14 e 20 anos.
“A nosa intención é crear un centro que sirva de punto de reunión, especialmente durante o inverno, pero que tamén ofreza cursos, charlas e outras modalidades formativas, centradas nas novas tecnoloxías, tan necesarias para a xente nova, tanto no ámbito académico como no seu tempo de ocio”, especifica a rexedora.
Esta idea desenvolveríase en paralelo ao proxecto que ten o Concello para a planta baixa, que consistirá na súa habilitación como arquivo municipal. “É unha cuestión pendente que queremos resolver”, afirma a alcaldesa, “xa que nestes momentos temos os arquivos repartidos en tres localizacións diferentes. O obxectivo é congregar todo o material no antigo Liceo, tendo en conta que moito está a ser dixitalizado nestes momentos”.
Conscientes de que a forma de divertimento da mocidade foi cambiando ao longo do tempo, o Concello avoga por ofrecer zonas con diferentes alternativas, nas que se inclúan xogos de mesa, por unha banda, e videoxogos e entretemento dixital, por outra.
O obxectivo, unha vez estean ben definidos os espazos e os obxectivos de cada un, é dotar ao centro dunha programación estable de cursos de formación e de obradoiros, especialmente centrados no desenvolvemento de aptitudes dixitais por parte dos rapaces.
A esta grella de actividades, poderían sumarse tamén iniciativas puntuais por parte de asociacións ou colectivos, que “sempre cunha solicitude previa do espazo, poderían dispoñer del para ofrecer algunha proposta concreta pensada para este colectivo xuvenil ou incluso para outras franxas de idade”. O local do antigo Liceo Casino ten capacidade, asemade, para albergar unha cafetería que sirva aos rapaces e rapazas que pasen tempo no centro.
O Concello avanza que, con estas liñas de actuación enriba da mesa, encargará nos próximos meses un proxecto para estas instalacións, que queren converterse nun espazo de ocio, formación e innovación para a xente nova da vila marinense.