O Concello presenta o proxecto de creación do Centro de Ocio Xuvenil que albergará o Liceo Casino

O Concello presenta o proxecto de creación do Centro de Ocio Xuvenil que albergará o Liceo Casino

23 xaneiro 2021

A xuventude é o futuro da nosa vila e por iso o Concello traballa en poder ofrecerlle a este rango de idade un espazo e unha programación didáctica que lles permita ter ofertas de ocio e culturais para o seu tempo de lecer.

Con esa ansia nace o proxecto que o Goberno local prepara para o Liceo Casino, adquirido polo Concello no verán de 2019, cuxa primeira planta será destinada á creación dun centro de ocio xuvenil multidisciplinar, orientado ás novas tecnoloxías e aos intereses dos rapaces e rapazas de entre 14 e 20 anos, aproximadamente.

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, presentou hoxe o proxecto elaborado para a remodelación do espazo, “que queremos converter nun punto de reunión, especialmente durante o inverno, que tamén poda ofrecer cursos, charlas e outras modalidades formativas, centradas nas novas tecnoloxías tan necesarias para a xente nova”.

Segundo se extrae do proxecto, o centro contará cun amplo vestíbulo, que servirá como un espazo polivalente; unha sala de traballo e de estudo, unha sala de informática e unha sala de xogos e descanso.

No que respecta á planta baixa, que albergaba a sala de baile do antigo Liceo Casino, será destinada, tal e como xa se anunciara no momento da adquisición do local, a crear o arquivo municipal. Este espazo contará con arquivadores móbiles de accionamento mecánico e cun pequeno almacén. Tamén se prevé a instalación dun ascensor que facilite o acceso peonil como o traslado de cargas pesadas ao arquivo.

Ambos espazos, o centro de ocio e o arquivo, terán entradas independentes desde a Rúa Tiro Naval Janer. Este vestíbulo de entrada será retranqueado para gañar máis espazo tanto para o portal de entrada ás vivendas particulares do edificio como para poder así deixar dúas entradas para o centro de ocio e unha independente para o arquivo, de tal xeito que poidan funcionar separadamente.

O proxecto suporá cunha inversión de 376.956,85 euros. Ramallo asegura que a creación deste centro é “fundamental” para poder ofrecer á xuventude marinense “un lugar que lles sirva non só a nivel social, senón formativo e de dinamización, adaptado aos seus intereses e no que poidan desenvolver o seu potencial, namentres gozan dun tempo de lecer de calidade”.

Anterior A camelia non poderá encher este ano os corredores e salas do Museo Manuel Torres

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados